Elena Candia: “Temos un ritmo rápido e intenso porque a cidade non pode perder máis tempo”

GaliciaXa | LugoXa
A alcaldesa de Lugo fai un balance dos catro primeiros meses de Goberno trala moción de censura
Foto-Elena-Candia-alcaldesa-de-Lugo
3 Sep 2026

Belén Rodríguez

Tras catro meses no goberno, a primeira pregunta é case obrigada, unha valoración do que se atoparon?

Unha vez que entramos, confirmamos o que todos sospeitábamos, que proxectos que eran moi importantes para a cidade estaban bloqueados porque había unha importante falta de entendemento entre todos, entre os membros do goberno entre si e entre os dous socios de goberno. Quero pensar que era unha falta de entendemento, non unha falta de vontade ou un descoñecemento. Isto confirma que efectivamente era necesario un cambio. Tamén descubrimos, un absoluto caos, un desprezo á norma, unha falta de respecto aos informes e aos procedementos. De feito, temos asuntos que vai custar resolver e outros que con axuda dos funcionarios se están resolvendo. Pero o noso obxectivo fundamental é, a maiores de nosa capacidade de xestión, respectar os compromisos adquiridos polo anterior Goberno. Tamén queremos desbloquear aqueles proxectos que nos parecen que son vitais para a cidade e poñer en marcha os nosos propios. Intentamos facelo coa maior urxencia, con diálogo, con traballo, con honestidade, con moita entrega e con moita ilusión.

Que implicou poñer en marcha un novo goberno?

O primeiro era cumprir os compromisos, os proxectos que identificamos como as principais razóns para dar este paso. E así fomos traballando primeiro cos empregados municipais para atender ás súas reivindicacións, executar sentenzas que eran firmes, avanzar en instrumentos que dunha maneira obxectiva garanten as posibilidades de mellora dos seus postos de traballo, pero con criterios de imparcialidade, de obxectividade, blindándoos de calquera tipo de uso indebido. Tamén nos implicamos nos desbloqueos de proxectos como a recepción do polígono da Louzaneta, facernos coa propiedade da parcela do Sagrado Corazón, executar o primeiro dos tapóns urbanísticos de Dona Urraca, abrir as portas do Concello para todo o mundo poida facer as súas achegas, mellorando o que é o día a día, enfocando proxectos estratéxicos como os aparcadoiros disuasorios, enfocar e redefinir os Fondos Europeos Novo Norte de maneira que non sexan, como foron ata a data, hipotecas para o futuro, apostar polo que críamos, pola parte social. De feito, estamos a punto de presentar o proxecto para facer unha nova Unidade de Atención Temperá, traballar coas entidades solventando os retos que foron a organización de eventos, primeiro Arde Lucus e agora o San Froilán. En definitiva, intentamos marcar un ritmo máis intenso e máis rápido, porque creo que a cidade non pode perder máis tempo sen proxectos estratéxicos, e tamén en obter a normalidade de portas para dentro.

O tempo xoga un papel importante para o novo goberno, que só ten un ano antes das eleccións para amosar o que pode facer.

O tempo é unha variable que pesa. Cando dimos este paso, non o fixemos como un tema de estratexia, nin era unha manobra política, era por un firme convencemento de que se tes a oportunidade de facelo, se tes realmente un compromiso coa cidade e unha vocación de servizo público, tes que facelo. Entón, damos este paso porque se tes un ano para poder cambiar a cidade e traballar pola cidade, non debes renunciar a el, se non, non sería honesta coas persoas que depositaron en min a súa confianza.

Sempre dixo que o traballo se estruturaba ante liñas de actuación importantes. Falemos de seguridade.

Primeiro hai que dicir que os procedementos para chegar a onde estamos chegando, foron da man dos xefes de servizo da Policía Local e dos Bombeiros. Entre todos identificamos os problemas que tiña a cidade e tamén lles explicamos cal era o noso compromiso. Ambos servizos dixéronnos que para poder acceder a ese obxectivo o primeiro que tiñan que ter era un servizo ben dotado. Cando chegamos, salvamos a OPE deste ano absolutamente tocando o timbre, con 12 prazas para Policía Local máis catro de mobilidade. No caso dos bombeiros, aprobamos 17 prazas por concurso oposición, que era unha das reivindicacións que tiña o servizo desde había moito tempo. A maiores, iniciamos a modificación da RPT e, postos en marcha eses dous mecanismos, avanzamos noutros instrumentos. Xa se deu ese primeiro paso, apoiándonos tamén en mecanismos de seguridade como poden ser as cámaras, cuxa colocación xa estamos tramitando na rúa Tui e Luis Seoane, que non serán as únicas, pero si as primeiras. E abordamos determinados aspectos que para min son de moitísimo interese, que son eliminar os problemas de convivencia que xeran determinados locais. Para iso, imos dando pasos, traballando cunha comunicación moi fluída cos veciños, que nos van informando de lugares nos que hai que intervir. Tamén instauramos un método, facendo seguimento e con reunións periódicas, para lograr eliminar os problemas de convivencia, os problemas de seguridade que ten a cidade. Ademais, estamos a piques de aprobar o Plan de Emerxencias Municipais. Este concello carecía dese instrumento, que estivo a piques de caducar e que tamén salvamos por unha semana, e con el abordaremos a creación dun servizo de Protección Civil. Polos habitantes que temos, deberiamos ter creado un servizo de Protección Civil polo que estamos perdendo oportunidades de captar fondos e, sobre todo, perdendo un piar tamén fundamental para abordar mellor os problemas de seguridade e os problemas de emerxencias.

Falou en varias ocasións dunha nova sede de Policía para A Milagrosa.

A nosa aposta é porque a Policía Local tiña unha nova sede na zona norte, e tamén reivindicar a Comisaría da Policía Nacional, que é un tema que pouco avanzou e que temos que esixir porque, a verdade, é deses compromisos eternos que só afloran cando hai un comicio electoral e que o Goberno anterior, tendo ese compromiso asumido desde hai moito tempo, pouco avanzou. E aí estamos, cun traballo xurídico moi minucioso porque os gobernos anteriores, por exemplo, nalgún establecemento moi conflitivo, en vez de aproveitar os mecanismos que ofrece a lei, decidiron acumular todas as infraccións para unha única sanción, o que entendemos que é un enfoque desacertado e que atrasou consecuencias máis negativas. Pero queremos dar unha mensaxe de que estamos traballando para, sen alarmismos, eliminar ou minorizar calquera problema de convivencia que poida ter a nosa cidade e que todo o mundo se sinta tranquilo, seguro, independentemente da hora do día e do lugar no que decida saír.

En persoal, remataron os tempos de conflitos e a falta de efectivos?

Eu creo que si, creo que se iniciou un diálogo moi positivo, moi produtivo, porque se chegou a acordos importantes. Ademais da RPT, acadouse tamén un acordo para aprobar a carreira profesional. Estamos tamén intentando axudar a mellorar as condicións dos traballadores das empresas que xestionan servizos municipais, e así reunímonos con todos, escoitamos a todos e imos dando pasos con todos. Temos uns límites pero os traballadores están trasladando agradecemento por esa proximidade, por esa accesibilidade, por esa implicación, por esa maneira de traballar nosa: hai un problema, vou ver como o soluciono. Nós imos con honestidade, implicándonos en todo aquilo que nos poñen enriba da mesa e intentando en todo ser parte da solución. Eu si que creo que neste momento hai ilusión, hai esperanza, hai interese por vir traballar a este Concello, que é algo que tamén me enche de orgullo. Si que sinto que neste momento hai paz social.

En temas de mobilidade, o carril bici, que xerou tanta controversia, segue no mesmo estado. Vaise quitar?

En mobilidade, un dos eixos principais son os aparcadoiros. Estamos cun proxecto que contempla a creación de varios, creo que ben colocados estratexicamente que van supoñer cedo un alivio para a veciñanza. Certo é que todos temos que establecer mecanismos para que se reduza o uso do coche, pero a realidade é que agora mesmo, de cada 100 persoas que teñen que utilizar un vehículo para desprazarse, non chega ao 5 % as que utilizaban o transporte público. Co cal, a xestión do vehículo ten que estar moi presente na nosa xestión da mobilidade. Tamén temos que establecer algunha intervención en rúas, creación dalgunha glorieta. Pero sei que a expectativa é eliminar ou, polo menos, reducir todo impacto negativo que produce na nosa cidade esa infraestrutura de carril bici, que o Goberno anterior pretendía multiplicar por catro. Temos un informe feito pola Policía Local que alerta de que o trazado actual, que todos sabiamos que era infrautilizado, antiestético e que afectaba economicamente aos barrios, é tamén inseguro, o que nos obriga a actuar. Para cumprir co programa, seguiremos fomentando o uso da bicicleta de maneira rigorosa, sen poñer en perigo os fondos que foron ingresados pero cumprindo cos veciños. Xa se deu o primeiro paso para modificar ese trazado, para eliminalo nalgúns tramos e intentar minorar os enormes prexuízos que provocou. É un compromiso, por suposto que o imos facer.

Con respecto ao transporte público, que proxecto hai?

Respecto ao transporte público, estamos en prórroga forzosa. A nosa vontade ten que ser empezar a traballar nuns pregos que recollan unha situación mellor para o servizo, pero non renunciamos a facer algunha mellora antes diso. Estamos facendo achegamentos para poder, neste mesmo ano, repercutir na cidadanía algunha mellora. Ademais de ampliar o taxi a demanda, que sabemos que é un transporte público moi eficiente. É un proxecto que levamos no programa, que nos gusta moito. Cremos que no servizo de autobús urbano estamos en condicións de ofrecer algunha mellora neste curto espazo de tempo, sen prexuízo de que a transformación real veña cun novo contrato, obviamente.

O proxecto Novo Norte tomouse como prioridade. Pode avanzarnos un pouco como está a situación?

O Goberno anterior xestionou moitos fondos europeos. Moitos. Iso poñíao en valor, parecíame algo polo que felicitar o Goberno. Co que fun máis crítica é cos proxectos que se presentaron a eses fondos europeos, de dubidosa utilidade. O Edificio Verde creo que é un exemplo, facer un edificio que non ten uso, só polo mero feito de demostrar que se pode construír en madeira, creo que é algo absolutamente incorrecto. O coliving de artistas tampouco foi un proxecto que repercutiu positivamente na cidade. As Caldas son unha auténtica hipoteca. Son proxectos que, xunto co carril bici, consumiron moitísimos recursos e que non tiveron un impacto positivo. No caso de Novo Norte, hai que recoñecer o traballo feito, especialmente de Paula Alvarellos e de Mauricio Repetto. Teñen cousas que nos parecen positivas e que estamos aproveitando, como a creación de refuxios climáticos e os espazos verdes. Non pasa así coa Zona de Baixas Emisións, na que se fixo un mar de absoluto formigón que, ademais, rompe continuamente. O proxecto transformador que citaban dentro do Novo Norte era a avenida da Coruña, a creación dun bulevar e facela unidireccional, pero carecía dun estudo de como vai impactar esa circunstancia na mobilidade da cidade, que os propios técnicos recomendábanos que se fixese previamente. Así que, primeiro imos facer aqueles proxectos que poidamos xustificar antes do 30 de marzo, que nos permitirá ter un mínimo para que non se quiten as achegas e logo poder optar a máis. Entón, o que decidimos foi executar aquilo que sabemos que non vai ser unha hipoteca, facendo un traballo con criterio e con prudencia e, sobre todo, buscando unha xestión eficaz e mellorando aqueles espazos que o necesitan e o merecen, tanto o que se ve como o que non se ve, utilizando pavimentos que teñen lonxevidade en función das necesidades e o tipo de tráfico que soporten. Cando só fas unha actuación de pinta e colorea ves despois como unha rúa está moi bonita pero aos veciños inúndaselles os seus garaxes por ter un mal saneamento. Tamén queremos poñer en funcionamento, que nunca estivo, a rede de recirculación e reciclaxe de auga, que custou máis de 4 millóns de euros, o saneamento na zona norte da cidade, onde están os polígonos ou o aparcadoiro do Ceao, no que están a piques xa de comezar a obra. Outro tema é o parque de enerxías renovables, que nunca entrou en funcionamento, que tamén custou un montón de diñeiro.

Estes proxectos, que son hipotecas, que vai pasar con eles?

Temos que abordar, polo menos, a hipoteca, minimizala na medida das posibilidades. Primeiro temos que reclamar os defectos do que está feito. Alguén terá que responder por todo iso. Todo o mundo sabiamos que iso non ía ser estritamente peonil cando dentro había tres aparcadoiros públicos. Se todo o mundo o sabía e aquí se fixeron oídos xordos a todo, alguén terá que responder por iso. Agora temos que reparar o muro do colexio Quiroga Ballesteros. Alguén terá que responder pola situación na que se atopa ese muro. Entón, primeiro creo que se debe intentar buscar responsables, cada vez que rompe unha arqueta, custa diñeiro e alguén ten que responsabilizarse. Cada vez que rompe unha pedra, o que nos plantexamos é que non podemos estar repoñendo o mesmo pavimento, porque, se non, perpetuaremos esa hipoteca. A medida de que la situación se deteriore, como desgraciadamente ya está sucedendo, haberá que apostar por pavimentos que sexan moito máis resistentes. Temos que ir repoñendo paralelamente nas zonas especialmente máis sensibles, pero primeiro imos preguntar a ver que nos corresponde por todo isto. Creo que ese trámite, polo menos, debemos inicialo, porque se non, aquí parece que dá igual todo o que pase.

Fai falta vivenda e a un prezo asequible para que os veciños poidan acceder. Vaise traballar niso?

É impresionante os edificios que se están facendo en Garabolos, Paradai ou Angelo Colocci. Hai unha aposta moi grande da administración autonómica para a construción de vivenda. A ARI da Milagrosa tamén vai ser un recurso para crear vivenda. O feito de poder optar ás axudas, estou convencida de que vai poder facer que se mova o mercado. Estamos traballando tamén para que o proxecto do Sagrado Corazón se faga co maior consenso posible. O Concello tamén está preparando algún proxecto. A aposta forte é da Consellería e os resultados empezan a verse, cos edificios en construción. Colaboramos todo o que puidemos, desde a oposición, desde o Goberno, para conseguir vivenda e para conseguir o consenso. É como na Louzaneta, onde non se constrúe pero se resolveu un problema importante, e por desgracia hai situacións similares en varios lugares, como O Rego do Espiño, ou A Croa, que estamos desbloqueando.

Falta algunha actuación pola que se aposte?

Imos facer unha aposta pola conciliación. Parece incrible, pero o Concello non ten ningunha ludoteca correctamente autorizada. Tamén impulsamos o deporte. Temos xa en marcha a construción do novo campo de fútbol, que agardamos que neste mes de setembro se licite esa obra porque non se fixo un campo de fútbol desde hai anos. Tamén estamos traballando no pavillón no Campus de Lugo. Outro caso é o convenio asinado con Educación para o uso das instalacións deportivas fóra do horario lectivo, que nos permite regularizar unha situación que estaba en precario e que nos permitirá ter máis horas de uso de instalacións deportivas para os nosos clubs. Despois, no ámbito social, que para nós é importantísimo, hai proxectos moi interesantes. Empezamos a traballar coas entidades sociais, nalgúns proxectos que se coñecen e noutros novos, como é o caso de Alume, Afalu ou Capaces. Despois de reunirnos con todas, agora empezamos a dar respostas ás peticións. Traballamos moito con elas na oposición, e imos traballar, por suposto, no goberno.

Tamén, fáltannos saber as grandes infraestruturas que virán para Lugo.

As principais infraestruturas nas que se está participando agora son en colaboración coa administración autonómica. As infraestruturas grandes, todos sabemos que en nove meses non as podemos materializar e son, evidentemente, necesarias. Agora o que temos que facer é a súa planificación pensando no mandato seguinte. Hai que ser sempre moi honesto cos compromisos que asumimos e tamén moi rigoroso coas expectativas que xeramos. Entón, hai algún proxecto que temos bastante traballado, pero sabemos que en oito meses non nos vai dar tempo. Neste momento esperamos que remate Intermodal, que a verdade é que non temos toda a información que nos gustaría para saber por que non se recepciona parcialmente, por que non se inaugurou o 29 de xuño, como era a data que tiñan dados. Pero máis pronto que tarde, supoño que se rematará, igual que a conexión con Santiago. Agora, a nosa reivindicación ten que ser, evidentemente, que haxa trens, que se restablezan as frecuencias e que teñamos a posibilidade de ter alta velocidade. Levamos reivindicando moitos anos, pero salvo a electrificación da vía, todo quedou en nada. Non houbo variantes, non hai máis frecuencias e aínda non se repuxo, como diciamos compañeiros outro día do Senado ou do Congreso, nin sequera o tren de Barcelona. Igual, que tamén me parece un tema case de gran infraestrutura, conseguir que o 100 % do noso concello teña conexión por fibra. O noso compromiso neste ano é cumprir o noso programa electoral, especialmente, os nosos porqués e paraqués. Despois tamén seguiremos traballando no polígono industrial, captando investimento. Algúns proxectos xa os fixemos públicos porque xa os conseguimos, como a construción dunha residencia de maiores nun solar absolutamente selvático en Recatelo. Hai máis proxectos nos que estamos traballando, como a captación de investimento privado, que eu creo que tamén é moi importante nesta cidade, que as infraestruturas e o emprego teñen que ser o noso apoio de ruta.

Dixo da oposición que era a peor que tivera en tempo. Mantén a opinión?

Creo que si, esa agresividade, eses ataques despiadados, podes entendelo nun contexto onde eran persoas que claramente, e agora dígoo convencidísima, tiñan o convencemento de que o Concello era seu. Eles non tiñan un proxecto de cidade, crían que isto era deles. Entón, claro, cando te enfocas á xestión pública así, evidentemente, a reacción pois é así de agresiva e así de desproporcionada. É moi pouco crible que digan que todo o que fixemos nestes catro meses estaban a piques de facelo. É pouco crible porque un tivo sete anos para facelo, e outro catro. Entón, eu espero que despois da rabieta, nalgún momento empecen a ser construtivos, proactivos. A min fixéronme unha moción de censura na Deputación, no ano 15. Acepteino e eles deben facer o mesmo. A oposición é moi importante, pero, claro, ten que ter un mínimo rigor. Si que considero que nos últimos catro meses, non estiveron moi acertados.

Como está a ser a relación coa concelleira non adscrita?

Asiste a todas as xuntas de goberno, está en todas as decisións. É unha persoa clave no goberno. Á marxe diso, a súa formación, o seu perfil e a súa experiencia na xestión pública achegan moito nas decisións que tomamos no día a día, especialmente nas áreas que máis controla. Realmente, a efectos, é unha máis do goberno. Evidentemente, respectamos toda a normativa que rexe as posibilidades que ten unha concelleira non adscrita, pero a súa participación, a verdade, é moi activa. A relación con ela é boa, é unha compañeira máis.

Iso quere dicir que irá nas próximas listas do Partido Popular?

Iso non o sei. Aínda non falei de listas con ela nin con ningún dos concelleiros que neste momento forman parte do Goberno. Creo que sería un erro formulalo agora. Todos están moi centrados nas áreas que teñen neste momento e imos todos traballando día a día para conseguir sacar adiante, sabendo que temos un tempo limitado. Son debates que neste momento non tocan. Estamos nun contexto onde todo o mundo está centrado en conseguir que os proxectos se convertan en realidade. Despois, eu creo que entre todos, buscaremos a mellor maneira de ter o mellor equipo e de sacar os mellores resultados.

0.14831805229187