Elena Sierra pídelle ao Concello de Ribadeo que asuma a súa responsabilidade co vertedoiro
A vicevoceira do Partido Popular de Ribadeo, Elena Sierra, pídelle ao goberno local que se deixe de escusas e asuma a súa responsabilidade, xa que a masa común na que se atopa o vertedoiro é do Concello. Deste xeito, a edil considera que os dirixentes ribadenses reproducen o mesmo proceder que o manifestados hai tres meses cando o Grupo Municipal do PP xa alertaba da escombreira existente no lugar de Porto.
“Outra vez a mesma resposta: desculpas e máis desculpas. Só pedimos que se actúe”, indica. E é que desta volta o Concello volta a enviar unha carta, neste caso a Fomento, pero tanto o lixo como o terreo no que este está depositado son municipais. “A quen se envía entón a carta?”, pregúntase Elena Sierra. Por este motivo, a popular insta aos gobernantes locais a que “se deixen de desculpas e actúen”, porque, engade, “Ribadeo non merece este trato”.
“Cando denunciamos o de Porto enviouse outra carta sen saber moi ben a quen. Hai outro vertedoiro en Vilaselán e tamén se envía outra carta sen saber tampouco a quen e, agora, envían outra a Fomento. O caso é botar balóns fóra”, critica Elena Sierra.