Elvira Díaz, presidenta de Michos Lugo: “Mentres teñamos confianza e apoio, non pararemos”

Jessica Fernández
Cando e con que obxectivo nace a asociación?
A asociación constituímola a finais do ano 2019 e o obxectivo é o de atender e protexer os gatos das colonias da cidade de Lugo. Hai cinco anos aínda non estaba aprobada a Lei de Benestar Animal, nin había atención por parte de ningunha institución, as nosas indagacións leváronnos a esa conclusión, e sabendo que hai outras asociacións tanto en Galicia como no resto de España que se dedican a este tipo de colaboración social, animámonos a constituír a asociación. Outros obxectivos serían o de denunciar calquera tipo de agresión en relación coas colonias e procurar a mellora do seu benestar.
Como valoran a evolución?
O primeiro ano foi moi discreto desde o punto de vista da atención que lles puidemos prestar. Revisamos as recomendacións de asociacións de veterinarios que estudan pequenos animais e o seu comportamento, e aconselláronnos controlar as poboacións, é dicir, aplicar o método CER, que significa captura, esterilización e retorno. Este método require moito traballo, porque hai que ter a confianza do gato para capturalo, saber o seu estado de saúde, estar seguro de que é un gato de colonia, non dunha casa particular… Entón, o primeiro é delimitar a colonia, saber cantos gatos son, estar seguro de que todos os gatos son comunitarios, saber cantos son machos e cantos femias, e despois castrar, sendo prioridade as femias. Desde que comezamos aplicouse o método CER en máis de 500 gatos, e en cumprimento da Lei de Benestar Animal, estanse identificando con microchip a nome do Concello.
Como se traballa nas colonias?
Cada colonia ten un coidador ou coidadora, que asume a responsabilidade e achega información sobre os gatos, o seu estado de saúde e programa a aplicación do método CER segundo o criterio recomendado de continuidade xeográfica; que marca que é preferible tratar as colonias do lado e así vas facendo unha especie de varrido espacial no que as colonias van quedando controladas. Cando unha colonia está totalmente controlada considérase pechada. Aproximadamente, a metade das colonias atendidas considéranse pechadas, por iso, cada ano incorporamos ao método CER unhas 5 colonias novas.
Cantas colonias teñen controladas?
Agora mesmo contamos con unhas 50 colonias xestionadas por Michos de Lugo das que está informado o Concello de Lugo, e contamos con 60 coidadoras, voluntarias responsables desas colonias. Eses voluntarios contactan con nós e fanse cargo, polo que a nosa capacidade de traballo a nivel persoal é grande nas colonias que atendemos. Tamén temos colaboradores que non atenden directamente colonias, pero colaboran nas tarefas.
Ademais do traballo do día a día, que outras accións se promoven?
Nós tamén traballamos para que se mellore a percepción das colonias e que a convivencia sexa o máis normalizada posible coa cidadanía. Aínda que o tempo non nos dá para moito máis, organizamos todos os anos as Xornadas Felinas, nas que explicamos o noso traballo, recibimos formación de expertos, atendemos ás xestoras, colaboradoras e veciños… Necesitamos contactar máis directamente coa Policía Local, cos bombeiros e coas asociacións para explicarlles como o facemos e que nos plantexen as dúbidas. Deberiamos traballar todos máis coordinados e na mesma dirección, se é posible.
Cales son as necesidades da asociación?
Nós, sobre todo desde o ano 2020, traballamos dunha forma organizada economicamente, sabendo o que podemos aportar a través de doazóns e unha axuda do Concello de Lugo. A partir do segundo ou terceiro ano, puidemos concorrer tamén a outras solicitudes de convocatorias públicas, como as da Xunta e as do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Con todo, as necesidades fóronse incrementando, porque aumenta o número de gatos atendidos cada ano e porque, alén do proxecto CER, que é un acto puntual, ao coidar dos animais, tamén permanecen na colonia e, se o necesitan, hai que levalos ao veterinario e os gastos tamén se incrementaron. Nós recoñecemos a atención e a sensibilidade do Concello de Lugo ao iniciar con nós, hai cinco anos, o convenio que nos permite ter unha subvención anual, pero este ano aínda non cobramos a de 2024, que se debe cobrar nos tres primeiros meses do ano, polo que en marzo deberíamos tela cobrado e non foi o caso, e tampouco sabemos se poderemos dispoñer da do 2025.
Que supón esta situación?
Nós estivemos funcionando con atención veterinaria e aplicación do método CER ata mediados de xuño, e gastamos o orzamento dispoñible en base ás doazóns que recibimos e as axudas que xa tiñamos ingresadas do Ministerio e da Xunta. Pero faltábanos recibir o ingreso do Concello. Desde o momento en que detectamos ese atraso, preguntamos reiteradamente, pero non se nos comunicou ningún motivo concreto. O que si sabemos é que non ten que ver coa documentación que nós presentamos. Hai que destacar que, ao asinar o convenio de colaboración con nós, o Concello está cumprindo unha obriga que ten por lei: a Lei de Benestar Animal, porque nela se contempla que as colonias felinas son responsabilidade de cada Concello. O Concello de Lugo si que a está asumindo incluso antes da propia aprobación da lei estatal, porque a lei galega, dalgún xeito, xa o recollía. Cóntanos que o goberno local está elaborando un Programa de xestión de colonias felinas no que colaboramos, polo que cremos que desde o Concello si que hai vontade por seguir colaborando con nós, pero a aprobación dese programa é imprescindible, porque é un requisito do Ministerio para solicitar as axudas.
Como ven o futuro?
Nós non barallamos deixar de atender as colonias. Se tiveramos que buscar outra axuda que supón o 40% da nosa dispoñibilidade económica, como a subvención do Concello, deberiamos tomar decisións de como seguir traballando. O que non imos facer é levar a cabo un traballo que lle corresponde por Lei ao goberno local e poñer o diñeiro do noso peto, que xa o facemos puntualmente, como a alimentación dos gatos das colonias. Pero o noso compromiso coas colonias está aí e aí seguirá. O que si, necesitamos axuda. Para cumprir coa xestión ética das colonias felinas, tal como recomenda o Ministerio de Asuntos Sociais, necesitamos colaboración na acollida temporal de gatos enfermos, así como na adopción de gatos junior, así se completaría adecuadamente o control poboacional das colonias de gatos comunitarios da nosa cidade. Con todo, desde a xunta directiva de Michos, por toda a traxectoria que levamos, temos que dar as grazas porque nos sentimos moi respaldados, apoiados e empuxados, porque os voluntarios aportan o seu tempo e o seu diñeiro, pero tamén colaboran con nós outras persoas que non poden ser voluntarias activas e queremos agradecelo. A nosa forma de traballar é unha forma na que se confía na xente e iso é o que máis valoramos. Mentres teñamos a confianza e o respaldo, non pararemos.