Emilio Montilla proclámase campión de España e o CD Biosbardo brilla nunha intensa fin de semana de competición

O Club Deportivo Biosbardo asinou unha destacada actuación esta fin de semana nos Campionatos de España organizados pola Real Federación Española de Atletismo en Palencia, onde se celebraron as probas de Subida Vertical e Carreiras de Montaña. Ata catro atletas da entidade participaron nunha cita marcada tanto polo alto nivel competitivo como polas condicións meteorolóxicas adversas.
Na xornada do sábado, dedicada á Subida Vertical, o mal tempo obrigou a recortar o percorrido, quedando finalmente nun trazado de 5 quilómetros con 600 metros de desnivel positivo. Nesta proba, Emilio Montilla, especialista na disciplina, non tivo o seu mellor día e finalizou na quinta posición na categoría M55. Pola súa banda, Eneko Hurtado logrou entrar por primeira vez no top 10 da categoría M35.
Xa o domingo, na proba de Carreiras de Montaña, chegou o gran éxito para o club. Nun circuíto de 16 quilómetros con preto de 800 metros de desnivel acumulado e cunha participación de gran nivel, Emilio Montilla dominou con autoridade a súa categoría. O atleta situouse en primeira posición xa no quilómetro 5 e foi ampliando a vantaxe ata cruzar a meta como campión de España M55.
O resto da representación do CD Biosbardo tamén acadou resultados meritorios, con Iván Sangiao rematando na duodécima posición en M35, Eneko Hurtado no posto 17 da mesma categoría e Enara Fernández sendo novena en F35. O club destacou o alto nivel do campionato, no que os seus deportistas lograron situarse entre os mellores.
Fóra do ámbito estatal, a actividade competitiva tamén deixou éxitos destacados. Na proba Xove Costa Trail, a atleta burelá Carla Trillo impúxose con claridade, liderando a carreira desde o inicio e ampliando progresivamente a súa vantaxe ata proclamarse campioa absoluta cun tempo de 2 horas e 6 minutos, tras optar por unha estratexia máis conservadora.
Ademais, na carreira 22K Borranes, disputada no entorno natural das Médulas, Kenia Estrada acadou tamén a vitoria absoluta. A corredora controlou a proba na primeira metade e lanzou un ataque decisivo nos últimos cinco quilómetros que resultou definitivo.
O club quixo salientar tamén o apoio da súa compañeira Tamara García, que, a pesar de non poder competir, acompañou á expedición e colaborou activamente durante toda a fin de semana.