Emocionante loita polo podio na xornada da LNB NorLeste disputada en Riotorto

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Na categoría feminina tamén foi necesario desempatar, sendo Dori quen se impuxo a Vanesa, mentres que Milagros completou o podio
billardeiros-musicais-riotorto
14 Apr 2026

O campo municipal da Veiga, en Riotorto, acolleu a décima xornada da LNB NorLeste nunha mañá fría na que a choiva apenas fixo acto de presenza ata o momento da entrega de premios, como se quixese pechar unha xornada marcada pola emoción e a competitividade.

Aínda que a participación non foi moi elevada, con 56 palanadores, o nivel da competición foi alto e a loita polos primeiros postos resultou especialmente intensa. Na categoría absoluta, dous dos grandes nomes da billarda protagonizaron unha espectacular pugna polo primeiro posto. Con 19 puntos, Morás e Marcos enfrontáronse nun duelo moi igualado que precisou de varios desempates. Finalmente, foi Morás quen se levou a vitoria tras tres empates consecutivos.

A loita polo terceiro posto tamén estivo moi axustada, con tres veteranos competidores empatados a 18 puntos. Daniel, Carlos e Santi tiveron que recorrer ao desempate, no que Santi acabou asegurando a terceira posición.

Na categoría feminina tamén foi necesario desempatar, sendo Dori quen se impuxo a Vanesa, mentres que Milagros completou o podio.

En infantís, Mateo destacou con claridade e non tivo rival, logrando a primeira posición, seguido por outro Mateo no segundo posto e Martín en terceiro lugar.

Na clasificación por equipos, os Billardeiros Musicais acadaron o primeiro posto, por diante de Troitas Bravas e Madia Leva.

A competición continuará o vindeiro 25 de abril coa penúltima xornada da tempada, que se disputará en Ponte de Outeiro, no campo de fútbol de Muimenta.

0.12376189231873