En Marea, BNG e o PP, a favor dun xulgado do Social para Lugo
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a avogada laboralista, Teresa Burgo, denunciaron ás portas dos xulgados de Lugo a discriminación que padece a provincia en materia xudicial coas negativas tanto do goberno central como autonómico a dotar a Lugo cun cuarto xulgado do social e outro específico para tratar os asuntos de violencia machista. Villares sinalou que esta "discriminación" era especialmente grave para as "traballadoras" e supuña un desprezo da cidadanía lucense en xeral e das mulleres en particular.
A avogada laboralista Teresa Burgo apuntou que a negativa do goberno central a conceder un cuarto xulgado do social para a provincia "supón un prexuízo para as traballadoras da provincia e un agravio comparativo se se analiza a situación de Lugo en comparación coa de Ourense. Luís Villares apuntou que non se entendía a decisión do goberno de Pedro Sánchez "negando un xulgado que está máis que xustificado desde as cifras e que suporía unha mellora clara para as traballadoras da provincia".
Luís Villares sinalou que esta decisión non era entendible para un goberno progresista, "esperamos que estas non sexan as políticas do PSOE de Pedro Sánchez deixando de ter en conta os dereitos da cidadanía". Pola súa parte, Teresa Burgo apuntou que quen resultaba máis prexudicado por esta negativa eran as traballadoras. Precisou que cos tres xulgados do social que ten actualmente Lugo "estanse sinalando xuízos para dentro de dous anos". Burgo sinalou que este feito era "moi grave para traballadoras que están pendentes das resolucións xudiciais para cobrar porque supón que non poderán cobrar os cartos neses dous anos e, en moitos casos, é posible que eses sexan os seus únicos ingresos".
Burgo tamén apuntou que desde o punto de vista das cifras de poboación esta negativa non tiña tampouco sentido. A avogada apuntou que Ourense "é un caso moi similar ao de Lugo, pero en Ourense hai catro xulgados do social mentres que en Lugo só hai tres". Afondando neste comparación, Burgo sinalou que por número de habitantes as diferenzas entre a provincia de Lugo e a de Ourense eran moi claras, "Ourense ten un xulgado do social por cada 78.000 habitantes, mentres que no caso de Lugo hai un xulgado por cada 110.000". Para a avogada estes datos fan incomprensible a decisión negativa tomada polo goberno central.
O voceiro de En Marea, Luís Villares apuntou a necesidade de facer outras políticas en decisións como estas e lembrou que esta mesma semana o Partido Popular votou no Parlamento de Galicia en contra de que Lugo contase cun xulgado específico contra a violencia machista. Villares sinalou que as cifras de casos e de poboación "xustificaban a creación deste xulgado, pero estamos encontrando que o PP está involucionando nas políticas de igualdade e debería explicar por que din unha cousa pero están facendo a contraria".
Villares sinalou que a Xunta estaba abandonando as políticas de igualdade a pesar dos discursos de Feijóo, "debería explicar por que non están apoiando as políticas a favor das mulleres, por que cada vez que teñen que escoller a favor ou en contra, votan en contra das mulleres e por que ás portas dun 8 de Marzo queren retratarse en contra das medidas que axudarían ás víctimas das violencias machistas". O voceiro de En Marea apuntou que Feijóo e o PP "están deixándose levar polos seus pactos coa ultradereita en Andalucía e sería bo para a cidadanía e para a igualdade que reconsideraran esta situación".
MOCIÓN DO PP
O Grupo Parlamentario Popular, a iniciativa de José Manuel Barreiro Fernández, senador por Lugo, presentou unha moción dirixida á Comisión de Xustiza do Senado na que insta ao Goberno á creación dun novo Xulgado do social en Lugo, dada a elevada carga de traballo que soportan os órganos xa existentes.
Segun do explican, Lugo é a provincia máis extensa das catro provincias galegas e é a terceira en número de habitantes (336.527). "A petición dun novo xulgado dos social en Lugo, é unha reivindicación que conta co respaldo dos datos estatísticos, e ademais hai que ter en conta o moi sensibles que son os asuntos que se dirimen nestes xulgados, que afectan directamente á vida de moitas persoas", explican.
O pasado 21 de febreiro o Ministerio de Xustiza comunicou o rexeitamento á petición da Xunta de Galicia e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de creación dun novo xulgado do Social na cidade de Lugo, sen ningún razonamiento nin xustificación.
"A petición do novo xulgado foi avalada por sólidos informes, que demostran que este xulgado é fundamental nesta cidade.Tamén o Colexio de Avogados de Lugo ha instado ao Ministerio de Xustiza a reconsiderar a denegación de dotar aos servizos xudiciais lucenses cun novo xulgado do Social", engaden.
A Xunta de Galicia desde o primeiro momento dixo que se asumiría o custo económico do xulgado de Lugo, polo tanto é unha decisión que non tería apenas custo económico para o Goberno.
"A excesiva carga de traballo que están soportando actualmente os xulgados dos social na cidade na cidade de Lugo, vén reflectida nas cifras de carga de traballo facilitadas polo Colexio de avogados da Cidade; recíbense uns 1.150 asuntos anuais ( o Consello Xeral do Poder Xudicial recomenda unha media de 800), o que supón unha sobrecarga do 145 por cento, afectando aos lucenses que son quen se van a ver prexudicados na súa relación diaria coa Xustiza, con tal inxusta decisión", conclúen.
BNG
A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, avanzou que o BNG levará iniciativas ás institucións para que Lugo conte co cuarto . Para o BNG, a creación deste xulgado “non é unha necesidade, se non unha urxencia” xa que se acumulan retrasos nos proceso xudiciais moi por enriba dos ratios que ten establecidos o Consello Xeral do Poder Xudicial.
“As consecuencias da carencia deste xulgado van a pagalas as traballadoras e traballadores de Lugo” afirmou Rodil e apuntou que “os retrasos existentes supoñen de xeito real unha vulneración dos dereitos reais das traballadoras e traballadores que agardan por unha resolución xudicial”. A creación deste xulgado é “absolutamente” precisa para que se poidan defender, pola vía xudicial, os dereitos laborais das traballadores e traballadores de Lugo.
Fose rexeitado en dúas ocasións despois de que a Comisión Mixta lle reclamase ao goberno do estado español a creación deste xulgado. “As cifras son claras e están enriba da mesa” dixo Olalla Rodil que sinalou “quen van sufrir as consecuencias son as traballadoras e traballadores que agardan pola resolución de casos pendentes e se atopan, moitas delas, en situacións complicadas”.