En Marea propoñerá a creación dun novo Xulgado do Social en Lugo
Luís Villares, voceiro de En Marea, e Cristina Pérez, candidata ao Congreso pola provincia de Lugo, reuníronse coa Xunta de persoal dos Xulgados de Lugo e co colectivo de Xuízas pola Democracia para “saber cal era a situación actual da administración xustiza en Galicia porque sabemos que sempre é a irmá pobre de todas as Administracións”, expuxo o voceiro.
Aproveitando a visita a Lugo, o voceiro de En Marea reclamou a creación urxente dun cuarto xulgado do social na provincia de Lugo. “Os traballadores e as traballadores están vendo como se están sinalando xuízos para o 2021 e esta situación non se pode permitir”. Así, Luís Villares tamén aproveitou para criticar que o PP e o PSOE soamente defendan esta medida nun período electoral e censurou de “paripé” o inicio de acordo da alcaldesa de Lugo co Ministerio de Xustiza sobre a dotación con máis persoal para os xulgados. “Non queremos máis persoal, queremos todo un xulgado novo do social en Lugo, como se fixo noutros lugares do Estado”, defendeu Luís Villares.
A creación de xulgados exclusivos de violencia en todas as cidades galegas e dunha Fiscalía anticorrupción en Galicia, así como a implantación efectiva da Oficina xudicial cunha dotación correspondente de persoal son as tres proposta que En Marea defende para a mellora da administración galega de Xustiza.
“É preciso que todas as cidades galegas conten cun xulgado de violencia, xa o teñen as cidades de Vigo e da Coruña e é preciso estender isto ao resto das cidades”, defendeu Villares. Dende En Marea apostan pola comarcalización dos xulgados de violencia, un elemento que xa prevé a propia lexislación pero que non se está a aplicar, e pola dotación con máis recursos para atender mellor ás vítimas de violencia. “Defendemos unha atención integrar ás vítimas dende o primeiro momento e por unha resposta áxil, rápida e con medios”, afirmou Luís Villares.
Sobre a proposta da creación dunha Fiscalía anticorrupción en Galicia o voceiro de En Marea denunciou que “seguimos contando sen medios para loitar contra a corrupción que non é algo do pasado”, en alusión ás recentes imputacións do Director Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia e do concelleiro popular e de Jiménez Morán por prevaricación urbanística. Villares denunciou que “a corrupción é a marca distintiva do PP” e lamentou que nin o PP nin o PSOE se preocupen da situación da Xustiza.
Dende En Marea tamén defenden a modernización da Xustiza e que a nova oficina xudicial se implante de xeito efectivo, con medios e que o “papel cero” sexa unha realidade.