Encarna Lago recibe a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2024

GaliciaXa | LugoXa
A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo compartiu o recoñecemento coas persoas usuarias de COGAMI tras recibilo das mans dos Reis en Toledo
Encarna-Lago-premio-Bellas-Artes-en-COGAMI
29 May 2026

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2024 nun acto presidido polos Reis e celebrado no Teatro Rojas de Toledo. A distinción recoñece a súa traxectoria á fronte da Rede Museística Provincial de Lugo, convertida nun referente de xestión cultural centrada na accesibilidade, a inclusión e a conexión dos museos coa cidadanía.

Con este galardón, Encarna Lago convértese na segunda muller lucense en obter esta distinción, despois de Maruja Mallo, que a recibiu en 1982. O escultor Ramón Falcón xa fora recoñecido con esta medalla en 1974.

Durante o acto de entrega, a responsable da Rede Museística puxo en valor o traballo colectivo desenvolvido ao longo dos anos e reivindicou o modelo impulsado na provincia de Lugo como un proxecto baseado na inclusión, na accesibilidade universal e na apertura dos museos á sociedade.

Tras recibir a máxima distinción cultural concedida polo Estado español, Encarna Lago desprazouse ata as instalacións que COGAMI ten en Lugo para compartir o recoñecemento coas persoas usuarias e profesionais do servizo de atención diúrna de Fingoi.

A Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes distingue a persoas e entidades que destacan no ámbito da creación artística e cultural ou que contribuíron ao fomento, desenvolvemento e difusión da arte, da cultura e da conservación do patrimonio artístico.

Este recoñecemento súmase a outros recibidos anteriormente pola Rede Museística Provincial de Lugo, como o Premio Iniciativa Institucional entregado por COGAMI no ano 2020. A entidade destacou daquela a traxectoria da Rede pola promoción da participación activa das persoas usuarias de COGAMI en diferentes actividades, pola cesión de espazos expositivos para obras realizadas en programas europeos como Artability e ARTS, así como pola organización de talleres recoñecidos por MUSACCES co premio ás “Boas prácticas en museos e centros de arte”.

A colaboración entre a Rede Museística Provincial de Lugo e COGAMI mantense desde hai máis de dúas décadas e naceu grazas ao impulso e á visión de Encarna Lago, que apostou por detectar e atender as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade social. O seu compromiso coa accesibilidade e coa inclusión cultural resultou decisivo para converter o Museo Provincial de Lugo nun espazo plenamente accesible.

Esta cooperación permitiu tamén impulsar programas de talleres artísticos que conectaron centros educativos coa actividade desenvolvida por COGAMI, facilitando que persoas usuarias do servizo de atención diúrna impartisen obradoiros en colexios. A iniciativa incorporouse posteriormente ao Proxecto de Educación Inclusiva de COCEMFE, activo desde hai oito anos e que chega cada curso a arredor de 300 nenos e nenas da provincia de Lugo.

A participación en proxectos europeos como Artability e Artability+ permitiu ademais que o Museo Provincial de Lugo e o Museo de Tor acolleran a exposición “Adaptándose”, complementada con talleres conxuntos e xornadas divulgativas abertas á cidadanía lucense.

Entre as iniciativas impulsadas tamén destaca o desfile “Sen etiquetas”, organizado coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no que se deu visibilidade ao traballo creativo dunha persoa usuaria de COGAMI dentro do museo. A exhibición de mostras audiovisuais, representacións teatrais e outras creacións culturais exemplifican igualmente o modelo defendido por Encarna Lago, no que o museo funciona como espazo de encontro, participación e transformación social.

0.10835480690002