Encarna Lago recolle o primeiro Recoñecemento A Colectiva polo labor da Rede Museística Provincial de Lugo

LugoXa
O premio distingue o compromiso coa arte contemporánea galega e coas boas prácticas no ámbito público
recoñecemento-Encarna-Lago
15 Dec 2025

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, vén de recibir o I Recoñecemento A Colectiva, outorgado pola Asociación Profesional de Artistas de Galicia na categoría de espazo de produción e exhibición de arte contemporánea no ámbito público. O galardón foi entregado durante as Xornadas de Profesionalización para Artistas organizadas esta fin de semana no Centro Galego de Arte Contemporánea.

O recoñecemento pon en valor a xestión desenvolvida nos museos provinciais polo seu compromiso coa arte e cos e coas profesionais da creación galega, así como polo respecto e aplicación do código de Boas Prácticas Artísticas. A entidade organizadora salientou tamén o labor realizado no ámbito da mediación cultural, a facilitación de procesos creativos e a difusión da arte contemporánea galega, cunha marcada perspectiva social.

A Colectiva destacou que o traballo impulsado desde a Rede Museística Provincial de Lugo contribúe a consolidar espazos públicos de referencia para a produción e a exhibición da creación contemporánea, favorecendo relacións profesionais baseadas na ética, o recoñecemento do traballo artístico e o acceso da cidadanía á cultura.

A Asociación Profesional de Artistas de Galicia, A Colectiva, naceu co obxectivo de defender de maneira conxunta as reivindicacións profesionais e a aplicación de boas prácticas no sector das artes visuais. Na actualidade conta con máis de 140 artistas asociados con traxectorias vinculadas á produción e á exhibición no ámbito das artes contemporáneas.

⚙ Configurar cookies
0.078720092773438