Enrique Martínez-Puga, alcalde de Baleira: “Gustaríame que me visen como unha persoa accesible”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Eu tiña unha relación de amizade co anterior alcalde. Eu estaba traballando en Baleira e el propúxome ir nas listas con el no ano 2009, e no ano 2011, nas eleccións, foi cando entrei por primeira vez no goberno local de Baleira como tenente de alcalde.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
No ano 2013, ese alcalde, Francisco Acal, morreu, e pase eu a ser alcalde do municipio. Porén, valoro a etapa de tenente alcalde porque foi aí cando empecei a coñecer un pouco o que era a política, os beneficios que se podían conseguir e tratar de facer cousas para conseguir avances para todos.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Máis que sacrificio, paréceme un orgullo lo mismo formar parte do Goberno do Concello, aínda que é verdade que sempre tes que estar disponible para calquera cousa que te manden.
E beneficios?
A nivel de beneficios está claro que a relación que asentei me dá a posibilidade de facer as cousas que para mellorar a túa vida e a dos veciños, así como axudar a facer o mellor para o pobo.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Ben, trato de separala totalmente, porque a vida pública non ten espazo para a vida privada. Trato de conciliar, de que non inflúa nos problemas da vida persoal e trato de levala o mellor posible.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non teño máis obxectivos políticos que os que conseguín ata o de agora, non teño máis aspiración política que servir aos veciños e tratar de facer cousas que sexan beneficiosas para eles.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Aínda non sei se renovarei como alcalde, xa que temos que falalo entre o equipo de goberno, pero os proxectos dependen das condicións económicas. A idea sería tratar de poñer a maior cantidade de augas en funcionamento e explotar as rutas turísticas que temos en Baleira destacando o potencial turístico e que iso traia xente ao pobo para pasar uns días como para asentar poboación no municipio. E tamén continuar no traballo en favor dos servizos sociais e a conservación das infraestruturas.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Ao ser un concello pequeno, temos limitacións económicas, case o 60 % do orzamento está dirixido a pagar ao persoal. O que temos máis interese agora mesmo é ter os servizos de augas e todos os servizos sociais, como o SAF, funcionando ben, iso é o que realmente le beneficia ao pobo. Logo, as infraestruturas e tratar de levar adiante algunhas propostas que poidan encaixar a pesar dos poucos cartos que temos.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A principal necesidade é o relativo ás comunicacións e aos servizos sociais. Temos unha necesidade dunha piscina en condicións, xa que temos unha e estamos manténdoa como podemos, pero cremos necesaria unha nova. Tamén necesitamos poñer en funcionamento o polígono industrial de Baleira para que sexa un polo de inversión do municipio.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Todos os que se puideron facer no tema dos servizos sociais. O SAF é moi complicado economicamente pero é moi necesario pola cantidade de persoas maiores que hai. O tema da residencia e do centro de día tamén foron proxectos moi importantes para que a poboación que non pode estar na casa poida estar atendida pero no seu entorno. Tamén é importante o arranxo de traídas de auga e actos culturais que se intentan facer para dinamizar a sociedade, como as festas de entroido, nadal, cocido...
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Quixera que os veciños me visen como una persoa accesible, próxima e que saiban e confíen en que poden falar comigo para propoñerme ideas e propostas, porque sempre estou disposto a facer o que sexa para mellorar as súas vidas.
Como é a súa relación coa oposición?
Supoño que como en todos os concellos; correcta, e sempre estamos abertos a suxerencias sempre que sexan realistas e poidan levarse a cabo.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
66, casado e con dous fillos
-Profesión e formación
Médico
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Enxeñeiro
-Que quería ser de maior?
Transportista
-Que fai para desconectar?
Pasear, ver a tele, ler, escoitar música
-Unha virtude e un defecto
Tesón e ser testudo
-Un consello para compartir
Que trate ser feliz sen facer mal a ninguén
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
‘El médico’, de Noah Gordon; ‘Héroes en el infierno’; e Supertramp ou Pink Floyd
-Unha afección
O fútbol
-Un lugar que visitar
Roma
-Unha comida e unha bebida
Cocido galego, viño da casa
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
Christiaan Barnard, o primeiro médico que levou a cabo o primeiro transplante de corazón humano do mundo
-Unha posesión prezada
A familia
-Un desexo
Saúde para todos e para a miña familia
-Algo para esquecer
O mal humor da xente, en xeral e continuamente
-Que é o que máis valora nunha persoa?
A sinceridade
-Un desafío pendente.
Facer o Camiño de Santiago
-Onde se ve en cinco anos?
Espero que desfrutando da familia e vendo pasar o tempo