Entregadas as bandeiras verdes concedidas este ano aos concellos galegos

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Este ano reciben este recoñecemento por primeira vez Boimorto, Carballeda de Avia, Chantada, Frades, A Pobra do Brollón, O Porriño, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, San Xoán de Río, Vedra e Vilar de Barrio
entrega-bandeiras-verdes-galicia-en-ames
21 Oct 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou en Vedra na entrega dos distintivos Bandeira Verde de Galicia aos 39 concellos recoñecidos este ano, segundo recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Segundo declarou a conselleira, as bandeiras concedidas este ano supoñen todo un récord xa que é a convocatoria con máis concellos recoñecidos e tamén na que máis solicitudes se recibiron. En concreto, este ano presentáronse 42 peticións municipais e unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse conceder 39 distintivos a outros tantos concellos, seis máis que en 2025.

Logo de lembrar que na primeira convocatoria se entregaron só dous galardóns, Ángeles Vázquez sinalou que o número de distintivos e solicitudes concedidos este ano son o mellor exemplo do compromiso ambiental e paisaxístico dos concellos galegos, que reforza a “Galicia Calidade que se traballa e coida día a día”.

En concreto, os concellos galardoados son Ares, Begonte, Boiro, Carnota, Cerdido, Cervo, A Laracha, Larouco, Mos, Muíños, Muros, Narón, Oímbra, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, O Porto do Son, Ribeira, San Sadurniño, Sanxenxo, Silleda, Sober, Sobrado, Tomiño, Touro, Vilariño de Conso e Vilasantar.

Ademais, este ano reciben este recoñecemento por primeira vez 11 concellos, que son Boimorto, Carballeda de Avia, Chantada, Frades, A Pobra do Brollón, O Porriño, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, San Xoán de Río, Vedra -que acolleu o acto de entrega destes distintivos- e Vilar de Barrio.

A conselleira fixo fincapé no caso do Concello do Porto do Son, que xa foi recoñecido na primeira convocatoria destes galardóns en 2020 e que é o único municipio que renovou o distintivo todas as edicións posteriores.

Cómpre lembrar que o distintivo Bandeira Verde de Galicia ten como obxectivo poñer en valor a aposta que se fai desde as administracións locais para garantir a protección da paisaxe, a conservación do patrimonio natural e o coidado ambiental do territorio.

De feito, este distintivo outorga visibilidade a aqueles territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.

Así mesmo, a conselleira indicou que as boas prácticas que desenvolven os concellos recoñecidos tamén contribúen á “saúde ambiental” da Comunidade. “Coidar os ríos, apostar pola eficiencia enerxética e humanizar os espazos urbanos son ferramentas coas que combatemos o reto global que supón o cambio climático desde a política de proximidade”, dixo Ángeles Vázquez.

0.12807393074036