Entregan a parcela para a construción do novo centro de saúde de Becerreá

O PP subliña o “novo paso” para a construción do novo centro de saúde de Becerreá por parte da Xunta, tralo acto de
outorgamento de cesión da parcela coa cualificación de uso sanitario. Os populares agradecen que “a Xunta teña en conta as necesidades de Becerreá en materia de infraestruturas sanitarias e promova a dotación dun novo centro de saúde máis amplo e moderno”.
O Goberno galego aprobaba a finais de 2021 un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que contemplaba entre as actuacións previstas a construción dun novo centro de saúde en Becerreá de máis de 2.000 metros cadrados. O novo centro de saúde responde á “imposibilidade de aumentar as instalacións actuais -que comparten espazo con servizos municipais- para dotar de máis espazo a áreas coma as consultas do PAC ou a zona de fisioterapia; ademais de dar resposta a problemas de accesibilidade dos pacientes na planta alta”.
A Xunta de Galicia encargarase de contratar o proxecto e posteriormente a obra deste novo edificio que, segundo o plan funcional aprobado, permitirá que o centro de saúde de Becerreá conte con novos espazos como unha sala polivalente, unha sala de técnicas, unha consulta de docencia, un despacho de coordinación ou unha sala de estar para o persoal. A nova infraestrutura permitirá dotar dunha sala de observación con box de críticos á área correspondente ao Punto de Atención Continuada (PAC) que atende tamén aos concellos de Cervantes, Pedrafita, As Nogais e Navia de Suarna.