Entrevista: "A arquitectura pasiva contribúe a reducir a pegada ecolóxica das construcións"

LugoXa
Falamos co arquitecto Jorge Gómez Cereijo, que elaborou o proxecto da primeira vivenda co certificado Passivhaus da provincia de Lugo
passivhaus casa baicela outeiro rei 3
21 Feb 2021

Vivir nunha casa que respecte o medio ambiente non só é posible, senón tamén recomendable para manter a saúde do planeta. Nesa liña avanza con paso decidido a arquitectura pasiva. E faino con dúas ideas clave: reducir o gasto enerxético e aumentar o confort.  Esta tendencia chegou á nosa provincia, e a primeira vivenda co certificado Passivhaus construíuse o ano pasado no lugar da Baicela, en Outeiro de Rei.

O arquitecto do proxecto, Jorge Gómez Cereijo, de GAU (Gabinete de Arquitectura e Urbanismo), desvélanos os segredos da que se perfila como a arquitectura do futuro.

Que é a arquitectura pasiva e o Passivhaus?

Cando nos referimos á arquitectura pasiva, falamos de edificios deseñados para que precisen menos enerxía mediante un bo illamento e contando co clima e as condicións da contorna. Isto non é novo, de feito é o que explica moitas estratexias da arquitectura popular. Pero nesa definición non se fala de números ou de metas concretas a alcanzar. Precisamente Passivhaus é unha marca ou estándar asociado a un certificado que acredita que, por esa vía da arquitectura pasiva, se alcanzou un determinado nivel de aforro que establece o Passivhaus Institut alemán. O obxectivo é reducir a demanda de enerxía, é dicir, trátase de que o edificio estea ben illado e construído para que necesite moi pouca. Sobre todo, que necesite calefacción unicamente nos días moi fríos.

Como xurdiu a oportunidade de liderar o proxecto da primeira Passivhaus na provincia de Lugo?

Hai tempo que en GAU estabamos interesados na arquitectura bioclimática. Dez anos atrás, coa crise, empezamos a formarnos en novos métodos de traballo e software específico. Inicialmente o estandar Passivhaus pareceunos demasiado ríxido. Anos despois establecemos contactos con Lignia, unha empresa lucense especializada en construción en madeira e hermeticidade, e con Maderas Besteiro, co fin de deseñar vivendas pasivas con estrutura de madeira. A oportunidade chegou cando este cliente veu coa intención de facer unha vivenda para certificar como Passivhaus. Cando empezamos a deseñala e estudar en detalle o sistema, entendemos mellor os criterios e por que se establecen uns valores tan ríxidos.

Esta vivenda ten dúas características independentes pero que se complementan perfectamente: por un lado obtivo a certificación e por outro está construída con estrutura de paneis contralaminados de madeira (CLT) que permite certo grado de prefabricación.

A construción dunha Passivhaus ten que adaptarse a uns estándares para obter a certificación como tal?

O certificado non esixe un determinado sistema construtivo. Pode construírse con madeira, formigón, ladrillo, pedra ou outros. A construción en madeira facilita a solución para evitar as pontes térmicas ou zonas frías na envolvente construtiva, ademais ofrece mellores valores no que respecta ao illamento. O único que fixa o estandar son 3 valores límite: a demanda de calefacción (ou refrixeración) ten que ser inferior a 15kWh por cada metro cadrado cada ano, que é un valor moito mais esixente que o que establece a normativa actual; a  demanda de enerxía primaria ten que estar por debaixo de 120 kWh/(m²a) en calefacción, auga quente e electricidade; e por último a hermeticidade que se avalía mediante un test de presión para verificar que as perdas de aire polas xuntas entre os materiais están por debaixo das 0.6 renovacións de aire por hora, para un diferencial de presión de 50 Pa. Todo isto deriva noutras condicións: é preciso instalar un sistema de ventilación altamente eficiente, automático e continuo,  deseñar e construír con moita precisión e control e aumentar por enriba dos parámetros esixidos pola normativa actual o illamento térmico da envolvente.

O arquitecto dun proxecto deste tipo, precisa tamén dalgunha acreditación especial?

Existe o título de Passivhaus Designer que acredita que se recibiu a formación axeitada. Pero tamén se pode obter ese título levando ata o final un proxecto e obra certificada, como foi o meu caso.

Qué vantaxes económicas e de utilidade no día a día ten unha Passivhaus respecto das vivendas de construción convencional? 

A principal vantaxe económica é o aforro en calefacción durante todos os anos de uso da vivenda. Estamos a falar dunha redución que pode andar ao redor do 75%. Pero o mellor é o altísimo grado de confort. O aire é moito mais limpo e sen po grazas a un eficiente sistema de ventilación. Tamén a temperatura en toda a vivenda é moito mais homoxenea. En moitas vivendas convencionais, o termómetro pode marcar 21 graos e aínda así podemos sentir frío, sobre todo preto das ventás, mentres que nunha Passivhaus evítase este fenómeno polo elevado illamento e as altas prestacións das ventás.

Deseño e funcionalidade, están reñidos nunha Passivhaus?

A funcionalidade non se ve afectada polo sistema mentres que, para o deseño, debemos ter moito máis presentes as estratexias propias da arquitectura pasiva, como por exemplo facilitar a entrada de radiación solar. Por iso se procura unha substancial diferencia de superficie de ventás entre as que miran cara ao percorrido solar e as que o fan cara ao norte.

Hai xente que pensa que nestas casas non se poden abrir as ventás pola insistencia na hermeticidade. Non é certo, pódense abrir. O que pasa é que non é necesario abrir para ventilar, como facemos todos pola mañá, xa que o sistema de ventilación renova o aire continuamente pasando polo recuperador de calor e chega atemperado e moito mais limpo.

E en canto ao custe da construción, hai moita diferenza entre unha casa de arquitectura pasiva e unha casa convencional?

A porcentaxe media de aumento do custe é dun 5%. Pero o aforro en calefacción durante os anos de uso da vivenda sitúa a amortización do investimento no prazo aproximado de 5 anos. Despois todo é aforro. Polo tanto, compensa.

Hai interese na provincia de Lugo polas casas pasivas? 

Nótase que vai crecendo o interese. A nivel de Galicia, a de Outeiro de Rei é a quinta vivenda unifamiliar deste tipo, pero sabemos que ao longo deste ano rematarán mais. Tamén esta certificado un hotel en Fisterra e un edificio de vivendas en Vigo.

E o seu gabinete, está a traballar en máis proxectos de Passivhaus?

Si, neste momento xa estamos desenvolvendo outra vivenda unifamiliar en Cataluña, nunha urbanización emprazada nun parque natural e desenvolvida tamén con estrutura de madeira. En todos os proxectos tratamos de convencer ao promotor para achegarse ao Passivhaus ou ir mais aló do mero cumprimento da normativa.

Cre que o futuro da construción está na arquitectura pasiva?

Temos que reducir a pegada ecolóxica das nosas actividades e o impacto do sector da construción e do consumo na edificación é tan grande que hai moito marxe de mellora.  Por iso a normativa cada vez é mais esixente. As estratexias da arquitectura pasiva axudan a acadar ese obxectivo. E especificamente o Passivhaus supón un listón máis alto que o que marca a normativa. Hai que incidir nas dúas fases do proceso de construción en canto a emisións e enerxía mobilizada: a enerxía embebida nos materiais utilizados na construción e a enerxía consumida durante os anos de uso do edificio. O Passivhaus actualmente incide na segunda porque é maior en valor absoluto que a primeira. Pero hai moito que mellorar tamén na primeira.

É a Passivhaus da Baicela o proxecto do que se sente máis satisfeito?

Si, porque foi un gran reto. Tivemos que formarnos, adaptarnos a novos procesos de traballo e de construción, e o resultado é un éxito. A casa funciona segundo o esperado e os donos están encantados. Agora, coa instalación dun sistema de monitorización, tomamos datos de temperatura e humidade. Así poderemos verificar como responde a vivenda ao longo de todo o ano e aprender para mellorar na próxima.

equipo gau arquitectura
passivhaus casa baicela outeiro rei 2
0.098686933517456