Entrevista: "A día de hoxe temos no albergue case 200 animais e outros tantos en casas de acollida"

LugoXa
Entrevista a Juan Alberto Losada membro da Sociedad Protectora de Animais e Plantas de Lugo sobre o estado actual do proxecto
Maya Portada
Maya Portada
11 sep 2022

Falamos con Juan Alberto Losada presidente da Sociedad Protectora de Animais e Plantas de Lugo.

Cando nace a protectora de animais de Lugo?

A Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo inscríbese no rexistro o 5 de febreiro de 1982 co que podemos presumir de ser unha asociación con unha larga vida, máis de 40 anos atendendo a cans e gatos abandonados e moitísimos casos maltratados.

Cal é a situación actual?

Somos unha das protectoras con máis animais de Galicia e aínda que é de todos coñecida a mala situación das protectoras en xeral, con exceso de animais nas súas instalacións e con falta de recursos, teño que recoñecer que a Protectora de Lugo subsiste gracias ás subvencións do Concello, Deputación Provincial e da Xunta.

E que non se me malinterprete, o que quero dicir é que dentro do mal que estamos todas as protectoras a nosa foi aumentando as axudas oficiais que con algún altibaixos permítennos chegar ó final do exercicio con unas condición aceptables.

Que principais problemas hai na actualidade?

Na actualidade hai un tema que, aínda que é certo que se está prolongando no tempo máis do desexable, teño a esperanza de que esta longa espera valga a pena. Isto é o cambio de localización do albergue que xa ten un destino concreto, o antigo matadoiro na estrada do Páramo e que se ó final se cumpren as previsións creo que a calidade de vida dos nosos animais albergados mellorará substancialmente.

Como xa todo o mundo sabe a existencia dun suposto regato subterráneo que a Confederación Hidrográfica sitúa no centro da parcela en Santa María de Muxa é o culpable de que teñamos que cambiar de aires e cancelar unhas obras que xa estaban contratadas. Levamos anos facendo remendos nas vellas instalacións pero xa é hora de que os cans e gatos que non teñen unha familia teñan polo menos unha protectora cunhas condicións de vida á altura das súas necesidades.

Cantos animais hai agora mesmo?

A día de hoxe temos no albergue case 200 animais e case outros tantos en casas de acollida. Estas son unha peza fundamental da protectora e se non fóra por elas estas instalacións non poderían soportar semellante cantidade de animais.

Canta xente forma parte actualmente do proxecto?

Se falamos de número de persoas, comentar que contamos con 550 socios. Ademais dos socios hai outra figura de vital importancia para o funcionamento do albergue e é a figura do voluntario. Os voluntarios realizan labores de apoio, paseos de cans, socialización, divulgación… A Directiva formámola cinco persoas, voluntarios tamén que tratamos de xestionar o mellor que podemos.

Como é o día a día na asociación?

Non queda tempo para aburrirse. Temos un persoal de 7 ou 8 persoas que inclúe 2 veterinarios, 2 laceiros e 3 ou 4 persoas de limpeza e mantemento. Con tantos animais este persoal non é suficiente e aí xorde a figura do voluntario que son un pequeno grupo que se ocupan de forma especial do benestar dos animais, coordinando os paseos, cepillado, acariñando, bañando, simplemente acompañando e dándolles aos cans e gatos albergados todas esas cousas que normalmente non se atopan facilmente nun canil dunha protectora. Por exemplo simplemente unha caricia para eles é moito, e de verdade vale a pena a experiencia.

Como é o verán con respecto o abandono de animais?

No verán sempre hai un lixeiro repunte nas entradas de animais no albergue pero non estou seguro se obedece a un aumento real do abandono. Eu bótolle máis a culpa a que a xente está mais tempo na rúa e hai máis posibilidades de ver a ese gran número de animais que por desgraza abandónanse e pérdense ao longo de todo o ano. O que si que observamos este ano é máis afluencia de gatos tanto adultos coma cachorros.

Nestes últimos anos mellorou a situación con respecto o abandono?

Son moi escéptico e vese xente moi boa e moi concienciada que se preocupa, que adopta e que mesmo busca aquel can de difícil saída, polo seu carácter, polo seu físico, pola súa idade, pola súa mala saúde mesmo, verdadeiros amantes dos animais. Pero tamén seguimos vendo, e non é un caso illado, camadas completas de cans e gatos no contedor do lixo, cans atados de forma continuada, cans abandonados a súa sorte por ter tumores ou enfermos para non afrontar o gasto veterinario. Sinceramente creo que a situación pode estar a cambiar un pouco positivamente, pero non o suficiente e agora a crise económica pode que faga aflorar máis donos de animais que lles da igual desfacerse deles de calquera xeito.

Cales cree que poden ser algunhas posibles solucións?

A xente non quere gastar o diñeiro en castrar e eu sacaría unha liña de axudas para realizar castracións masivas. Doutra banda controlaría por parte da administración autonómica o efectivo cumprimento das leis en canto a protección animal. Refírome á identificación dos animais e digo administración autonómica a propósito pois normalmente na zona rural os alcaldes non se mollan xa que lles importa ter ao votante contento.

Hai mais concienciación con respecto a adopción ou a compra de animais segue sendo moi importante?

Eu creo que si, efectivamente adóptanse cans e aínda que as entradas son importantes tamén o son as saídas. Pero segue habendo mercado para os compradores que queren un can con pedigree.

Que lle diria a esa xente que aposta por mercar un animal de compañía antes que adoptar?

Diríalles que antes de mercar den un paseo pola páxina web da protectora ou mellor aínda que se pasen pola protectora en persoa, que se paseen polos caniles mirando aos ollos a todos eses animais, cans e gatos, que buscan unha segunda oportunidade, é difícil que non xurda un frechazo. Ás veces son os cans os que elixen ao seu adoptante e é cuestión de deixarse querer xa os cans da protectora van a agradecer toda a súa vida esa oportunidade que está na túa man darlles cando adoptas.

Que hai que ter en conta antes de adoptar un animal de compañía?

Primeiro estar seguro da decisión que se vai a tomar. Pensar que os animais de compañía senten e non son un xoguete con un prazo de devolución. Así que se non estás seguro pénsao dúas veces. Se a conclusión é que queres adoptar elixe un can acorde co ritmo de vida que vas a levar, se vai vivir nun piso ou no exterior, se vas facer moita actividade física ou unha vida moi tranquila, e dicir, que a raza ou o físico do can non sexa o determinante senón as personalidades de ambos

Que formas hai de colaborar coa protectora?

A forma máis sinxela é facerse socio a través de unha cota anual desde mínimo 40 euros ata o que queiras. Outra forma de colaborar é ser padriño ou madriña. A cota mínima é de 6 euros ao mes e podes apadriñar o can que elixas e encargarte de pasealo, divulgalo por redes sociais, preocuparte especialmente polas súas necesidades, visitalo periodicamente para sacalo do seu canil, levarlle unhas chuches... Isto creará un vínculo importante que vai facer que ese can espere por ti e te reciba dunha forma tan intensa que probablemente penses nel cando non o teñas diante. É unha relación bonita e merece a pena.

O voluntario como xa falaramos pode ser socio ou non, é dicir, non require pagar ningunha cota. Simplemente consiste en axudar a animais que o necesitan, na protectora entran moitos cans medorentos, cans que foron maltratados, abandonados e que o pasaron moi mal e simplemente o feito de pasar tempo con eles fai milagres e canto máis complicado é o can maior será a satisfacción.

Hai algunha historia especial de todos estes animais que pasan pola vosa asociación?

Si, antes falabamos da importancia das casas de acollida que teñen algún can temporalmente e por exemplo algún can que enviamos adoptado a Reino Unido e para que vaian máis socializado está en casa de acollida un período de tempo, un mes ou dous cando se despiden ás veces ven imaxes de emoción, abrazos, choros. Estou a pensar nun en particular que pediu a dirección do can en Reino Unido para ir velo a casa da súa adoptante, os vínculos que se crean son moi fortes.

Tamén é triste ver a unha serie de cans que entraron no albergue de cachorros e hoxe estanse facendo vellos no albergue porque ninguén se fixou neles. En algúns casos porque non eran os máis guapos, ou porque eran PPP e tíñano máis difícil polas esixencias de licenza e seguto ou simplemento por mala sorte ou porque tiñan mal xenio. Mal xenio que non me estraña que teñan cando ven que os seus colegas de canil vanse marchando e eles vanse quedando nunha especie de cadea perpetua inxusta que fará que moitos deles morran tras as reixas dun canil.

Maya, Pistón, Lucía, Rocky, Tedín, Beka, Mirandela, Geraldine, Gus, Felps, Castiñeiro, Rubio son nomes de cans que por esta situación apuntada merecen se cabe mención especial e se alguén quere botarlles unha ollada na páxina web da Protectora (www.protectoralugo.es) e facer un oco a algún deles sempre será ben recibido. Desta lista, e non é que me esquecese falta SAMBO, morreu días pasados no seu buraco con case 9 anos e moitos, moitos de protectora. Triste realidade para estes desafortunados.

Protectora
Maya
Piston
Rocky
Lucia
erun
Felps