Entrevista: "Cada parte do proceso de facer música desfrutámola moito"

LugoXa
Entrevista a Berta Franklin, grupo de música lucense que ven de tocar no San Froilán e está preparando novo disco
Berta franklin portada
Berta franklin portada
19 Nov 2022

Berta Franklin é un grupo lucense que leva anos facendo música, veñen de actuar no San Froilán e xa subiron ó escenario de festivais coma o Caudal Fest, PortAmérica, Osa do Mar ou o FaCeLa Fest. Veñen de sacar un novo videoclip e están traballando nun novo disco, falamos con eles para coñecelos un pouco máis e saber dos seus proxectos de futuro.

Quen forma o grupo de Berta Franklin?

O grupo está formado por cinco integrantes, Borja García na batería, César López no baixo, Juan Castro nos sintetizadores e pianos, Jesús Iglesias en sintetizadores e guitarra e Marcos Vigo na guitarra e voz.

Como e cando nace o grupo?

A banda formouse a mediados de 2016 a raíz dun encontro fortuíto entre Jesús e Marcos. Despois de coñecerse e descubrir que tiñan unha liña común nos gustos musicais decidiron montar o grupo Berta Franklin. Posteriormente fóronse engadindo os demais ata o que somos a día de hoxe, máis que unha banda, uns amigos que nos gusta xuntarnos e facer música.

Que é o que máis desfrutan da música?

O certo é que cada parte do proceso de facer música desfrutámola moito. Dende os primeiros pasos do xerme ou creación dos temas ata ver como vai medrando cando cada un aporta as ideas para conformalo. A gravación e posta en escena tamén nos gusta moito, todo ten o seu aquel, é un camiño natural que nos encanta recorrer dende o inicio ata o directo.

Veñen de estrear videoclip hai unhas semanas, que tal foi a acollida?

Si, Eléctricos. A verdade é que estamos moi contentos coa resposta que está tendo. Estamos recibindo comentarios moi bos ao respecto e xa temos ganas de lanzar o seguinte.

Como de importante é agora para un grupo de música contar cunha boa produción audiovisual?

Pois para nós é imprescindible, xa que nesta nova etapa Berta Franklin conta con maiores retos para a posta en escena do directo. Moitas máis capas forman os novos temas, así que todos os elementos deben ir empastados e perfectamente coordinados.

Van gravar novo disco, que podemos esperar deste novo traballo? Cando se poderá escoitar?

Aínda non temos unha data fixada pero esperamos que sexa canto antes. Este novo traballo será máis enérxico, con atmosferas dominadas polos sons e texturas de sintetizadores analóxicos. Algo máis ochentudo poderíase decir.

Teñen programado algún concerto proximamente?

Sí, xa temos sobre a mesa algunhas datas pero desgraciadamente aínda non as podemos desvelar… pero prontiño.

Como é o seu proceso de creación?

Non existe un protocolo como tal, ás veces, un tema sae dunha improvisación no local outras algún de nós trae un tema que fixo na casa. Tamén pode ser que escoitemos algún disco ou tema e digamos, como molaría un tema con este rollo, atmósfera, etc… é bastante random.

Que estilo define o grupo?

Esta é unha pregunta complicada para calquera grupo, xa que encaixarse non lle gusta a ninguén. Diríamos que estamos preto do rock, do soul e do pop.

Como foi a evolución musical o longo destes anos?

Pois supoño que tampouco hai ningunha fórmula, foi evolucionando segundo o que nos pedía o corpo. Ao principio queríamos facer unha especie de soul en galego, pero o grupo cobrou vida e foi medrando el só. Agora mesmo estamos facendo algo con moito sintetizador, baterías electrónicas… así que non sabemos que virá despois a verdade.

Cales son as influenzas musicais de Berta Franklin?

Temos a sorte de que somos todos melómanos e moi eclécticos nos gustos, aínda que hai cousas que a todos nos flipan. Por non empezar a numerar decenas de grupos poderíamos dicir que dende Sam Cooke ata Radiohead.

Que momento lembran con máis agarimo dende que empezou o grupo?

Bufff, hai moitos. Os momentos xusto antes de saír a tocar son incribles. Tamén cando gañamos o concurso de Sonidos Mans, prestounos moito porque acabábamos de empezar como quen dí, e é un premio a nivel nacional. Iso fíxonos moita ilusión sí.

Berta franklin grupo
Berta franklin videoclip2
Berta Franklin
Berta Franklin
0.2052149772644