Entrevista: "Nós facemos traballo de campo, estamos aí man a man coas vítimas en todo o proceso"

LugoXa
Falamos con Marta Rodríguez, presidenta da asociación Si, hai saída que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero
Portada si hai saida
25 Nov 2022

Si, hai saída é unha asociación que traballa directamente con mulleres vítimas de violencia de xénero, falamos coa súa presidenta Marta Rodríguez Engroba.

Como nace a asociación Si, hai saída?

Si, hai saída é unha asociación contra a violencia de xénero, sen ánimo de lucro, que nace en Lugo no ano 2014. A asociación xurde como froito da miña propia experiencia, vítima de violencia de xénero. Cando sobrevivín a unha agresión terrible e denunciei decateime da tremenda soidade, incomprensión e das innumerables barreiras coas que se atopa unha muller nesa sitúación e decidín que axudar era algo prioritario.

Canta xente forma parte actualmente da asociación?

A asociación está integrada actualmente por cinco persoas, das cales tres son avogadas. Todas traballamos de xeito totalmente gratuíto, sen percibir ningún tipo de remuneración.

Que labor fan dende a asociación?

Dende a asociación dedicámonos principalmente ó asesoramento e acompañamento de vítimas de violencia de xénero. Dende o momento que unha muller decide, xa non tanto pedir axuda porque iso costa moito, senón contalo, nós estamos aí para acompañalas en todo o que necesiten no seu proceso. É certo que moitos casos teñen grandes similitudes pero non é menos certo que cada muller é un mundo, cada historia é diferente e non se pode xestionar a loita contra a violencia de xénero dende os despachos, que é o que se está facendo.

Nós facemos traballo de campo, estamos aí man a man coas vítimas en todo o proceso, hai xente que vén un día e non volve porque son situacións complexas e hai persoas que levan anos con nós, porque se establece unha ligazón.

Que ten que facer alguén que precise porse en contacto coa asociación? 

Contactar con nós é moi sinxelo, temos un número de teléfono 662 537 825 e un correo electrónico asociacionsihaysaida@gmail.com onde quen o precise pode chamar ou escribir. A partir de que se poñen en contacto con nós vemos en que situación está cada muller e como podemos axudar.

Nós non temos local, posto que non temos ingresos e non percibimos subvencións, pero gracias ás compañeiras avogadas dispoñemos dun espazo con privacidade para reunirse, atendelas e axudalas.

E alguén que queira colaborar? 

Dende a nosa asociación non recollemos ningún tipo de axuda económica, o que si agradecemos moito é o traballo de acompañamento ás mulleres. Moitas veces o simple feito de estar presente mentres están esperando para declarar, por exemplo, que son momentos nos que se sinte moita soidade xa é de moita axuda.

Ademais de acompañamento ás vítimas dende a asociación realizan outro tipo de traballos?

Si, dende a asociación tamén realizamos charlas e xornadas. Esta é unha parte do noso traballo que coidamos especialmente, tanto as charlas que impartimos en colexios ou institutos coma as xornadas que organizamos noutros foros.

O traballo nos institutos é de gran importancia porque por un lado dan a coñecer a xente máis nova unha cara da violencia de xénero aínda moi descoñecida pola inmensa maioría, xa que nós vivimos o día a día coas vítimas e por outro lado serve para identificar posibles casos de violencia e para a prevención da mesma.

Para as xornadas que organizamos contamos case sempre coa colaboración de recoñecidos profesionais de diversos eidos, que nos axudan e nos permiten amosar a loita contra a violencia de xénero dende diversos puntos de vista, algo moi importante para alertar sobre numerosas eivas que aínda existen na loita contra esta.

Como cre que está este tema entre a xuventude? 

Eu son a súa fiel defensora e aposto pola xuventude, si é verdade que hai un repunte, eso non o podemos negar, como tamén o hai entre os adultos pero é moi doado criticar e non facer nada de autocrítica os adultos.

As persoas que somos os referentes debemos pararmos a mirar que é o que estamos facendo mal, porque o mellor están reproducindo o que lles estamos ensinando todos os días e o que consumen nos diferentes medios dixitais e programas da televisión.

É moi importante tamén dende os espazos adultos non minimizar os sentimentos e os relatos das rapazas máis novas que acoden para contar que o seu mozo as está controlando, que lles mira o móbil ou que lles pide os contrasinais.

Tivo algo que ver a pandemia con este repunte da violencia? 

Temos que ter en conta que hai épocas do ano onde existen repuntes deste tipo de violencia como son as vacacións de verán, o Nadal, as pontes ou os fines de semana. Isto é a consecuencia dun maior tempo de convivencia polo tanto a pandemia para nós foi moi angustiosa. Trouxo como consecuencia que moitas destas mulleres quedaran pechadas co seu agresor durante o confinamento sin que nos puidesen chamar ou nós contactar con elas.

Existe unha crenza moi estendida de que é un delito de determinadas contornas culturais e estratos sociais e non é verdade. Calquera muller nalgún momento determinado pode ser vítima de violencia de xénero e calquera home pode ser un maltratador.

Cre que se está a avanzar na erradicación da violencia de xénero? 

Eu quero pensar que si, cando eu denunciei á miña parella pasei un calvario por duplicado. Cinco anos despois de separarme e cun neno pequeno coñecín ó home que case me mata, cando fun denunciar, no hospital portáronse moi ben comigo, pero na comisaria dixéronme que non dese que falar e que volvese a casa con el. Nese sentido algo avanzouse, pero no mesmo sentido que digo que se avanzou, dende que comezamos nós no 2014 ata agora volvemos experimentar un retroceso e hai un repunte da violencia de xénero.

A nivel de sociedade si que houbo avances pero tamén chegou un momento no que a violencia de xénero se fixo un oco na sociedade, e está aí perfectamente instalada.

Que lle diría a unha muller que está sendo vítima?

Unha vez asumida a condición de vítima, que é unha das maiores dificultades, o primeiro que lle diría a unha muller que se atope nesa situación é que pida axuda a alguén en quen confíe e que non minimice a súa situación aínda que non sexa quen de entendela. E por suposto que denuncie.

Se algo teño claro é que non hai outro xeito de saír da violencia de xénero que non sexa denunciando. Agora ben, tanto ou máis importante que a denuncia en si é que, ao facelo, non se sinta cuestionada, mal atendida ou desprotexida.

Marta Rodriguez Si hai saida
0.17350220680237