Escuela Deportiva Shihan de Lugo: “O karate move moita máis canteira que outros deportes”

LugoXa
Case 200 familias conforman o club que dará o salto internacional e que se converteu en todo un referente na nosa comunidade
Escuela-Deportiva-Shihan
Escuela-Deportiva-Shihan
7 Xul 2024

Lucía Blanco

A Escuela Deportiva Shihan de Lugo conta con pouco máis de catro anos de percorrido pero xa se converteu nun dos clubs de referencia na nosa comunidade. Empezaron nun momento complicado para os deportes de contacto, pero iso non os freou no seu cometido de darlle o espazo que merece a esta arte marcial. “Comezamos xusto antes da pandemia e despois coa crise sanitaria tivemos que pechar pero retomamos”, conta Lara Abelleira, a directora técnica. A tradición marcial venlle de familia pois é filla de Jesús Abelleira, tatami que adestrou a centos de deportistas e fundador do Club Shihan.

—Son un club moi familiar. Que é o que priman na escola?

Intentamos que os nenos se atopen a gusto, o pasen ben e ao mesmo tempo aprendan. O obxectivo é crear unha atmosfera aquí na que se atopen moi cómodos, confiados e seguros. É verdade que hoxe en día hai moito alumnado con cadansúa problemática e intentamos que todos eles atopen un sitio no que estar felices, no que poidan ser eles mesmos e aprender.

—Lograron formar unha ampla comunidade nestes anos.

Na escola temos case 200 familias e ademais temos full contact, un grupo grande de brasilian jujitsu e monitores en colexios como Maristas, Divino Maestro, Rosalía, Aneja ou Franciscanos. Entón ao final son como unhas 300 persoas as que pasan por aquí.

—Que idades abarcan?

Temos desde os 4 anos ata sen límite de anos porque diferenciamos por idades. Os do grupo de iniciación van desde os 4 ata os 12 (infantil e primaria), avanzado abarca Secundaria e Bacharelato e o grupo de karate máis tradicional está máis orientado a adultos e rapaces cuxo interese primordial non é a competición.

—Precisamente, a idade non é un obstáculo á hora de iniciarse neste deporte.

Eu dou clase nos Salesianos e a min chámame moito a atención porque sei que a adolescencia é unha etapa moi complicada e aquí adoitan empezar e encóntranse moi a gusto. No caso dos adultos, aínda que non é o máis frecuente, tamén. Temos algúns que empezaron esta tempada de 0 e teñen moito mérito. Igual proban porque veñen os fillos e gústanlles os valores que transmitimos ou porque alguén llo recomendou porque axuda a mellorar a condición física e psicolóxica.

—Trátase dun exercicio mental e non só físico. Que beneficios aporta?

A nivel psicolóxico hai que memorizar e facer un esforzo ao mover e coordinar as pernas e os pés en todas as direccións e non é algo intuitivo. É un deporte que aporta moita confianza e seguridade porque é defensa persoal entón ao final favorece a autoestima. Nós facémolo dunha forma lúdica e as clases están ben preparadas e segmentadas e vano aprendendo aos poucos. Ademais, aporta flexibilidade, coordinación, forza, velocidade, potencia e mellora a capacidade de orientación.

—Que é o que engancha desta disciplina?

Unha vez que probas e ves todos os beneficios que aporta a práctica creo que ninguén se arrepinte. De seguido se ven os beneficios, todo o mundo o di. Temos nenos con Asperguer, Autismo e TDH porque os médicos recomendan esta actividade. E moitos dos pais que veñen é porque viron os beneficios nos fillos, quixeron probar e están encantados.

—Cren que o karate ten o recoñecemento que merece?

Nós somos un club recoñecido tamén pola traxectoria de meu pai. A nivel mediático notamos que non é coma outras prácticas como o fútbol ou o baloncesto, aínda que a nivel nacional e galego contamos con moitísimas licenzas. Por exemplo, imos a un campionato de España e ao mellor nunha categoría hai sobre 60 nenos. É un deporte moi practicado, pero a nivel de visibilidade é minoritario, aínda que movemos moita máis canteira que outros deportes e temos un gran nivel.

—Na última liga galega conseguiron 43 metais. Cal é o segredo para que os resultados acompañen en cada unha das competicións?

Somos moitos e os nenos anímanse a ir. Temos clases todos os días da semana menos os domingos, polo que os rapaces teñen uns adestramentos moi continuados e dirixidos. Ao final é unha suma de moito esforzo e de traballo diario que se ve recompensado. Sempre nos posicionamos no alto do medalleiro e, evidentemente, iso é o resultado do traballo, porque de ningunha outra forma se podería conseguir.

—Teñen tamén nenos na Selección Española. Que supón isto como club?

É un logro moi grande. Aquí en Lugo non hai ningún club que o lograra e a nivel galego haberá 1 ou 2 como moito. A nivel autonómico somos o mellor club e a nivel nacional somos tamén un club referente.

—A este bo facer súmase que darán o salto a nivel internacional.

Cada vez imos crecendo máis e chegamos a máis. Ímolo a dar con polo menos dous rapaces que están na Selección Española e que foron convocados para un campionato internacional na Coruña, na Youth League, e logo xa como club levamos a outros dous. Entón crecemos máis porque así o esiximos.

0.19152498245239