Esixen que se concrete o remate das autovías que comunica Lugo con Santiago e Ourense, e a da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
O ministerio de Transportes está deseñando unha nova política de infraestruturas que, aparentemente, culminará coa futura Lei de Mobilidade, e na que se decidirán os investimentos nesta materia en base a parámetros de custe-beneficio.
16 Oct 2020

O ministerio de Transportes está deseñando unha nova política de infraestruturas que, aparentemente, culminará coa futura Lei de Mobilidade, e na que se decidirán os investimentos nesta materia en base a parámetros de custe-beneficio. Á vista deste proceso, os senadores de Lugo –José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela- consideran “prioritario e necesario” que o departamento estatal concrete se nesta norma ten e conta o problema demográfico á hora de planificar esta Lei e, se no caso concreto da provincia, a súa aplicación permite precisar o prazo de remate das autovías que executa na provincia: A-54, que une Lugo con Santiago; A-56, que conectará Lugo con Ourense; e, a A-74, que mellorará as comunicacións da Mariña.

No documento, que recentemente presentou este ministerio, indícase literalmente que as novas infraestruturas de transporte teñen uns rendementos decrecentes, non só en termos estritamente económicos, senón tamén de equidade social e de equilibrio territorial, de tal xeito que, apuntan, “esta política consegue o efecto contrario e marxina miles de persoas que viven en núcleos rurais ou en zonas despoboadas”.  

Esta cuestión fai saltar todas as alarmas para os representantes da provincia no Senado, tanto en canto, indican, “seguimos esperando polo remate das obras da A-54,  que leva 10 anos de retraso, da A-56, que conta con varios proxectos caducados e, a da Mariña, que non avanza e deixa a miles de persoas sen a posibilidade de mellorar o seu modo de comunicación”. A lentitude na construción destas infraestruturas, defenden, “ non só prexudica aos veciños da provincia, senón tamén a todos aqueles cidadáns que buscan desprazarse en períodos estivais, o que constitúe un dobre agravio cara os lucenses”.

Neste senso, consideran que é imposible afrontar o reto demográfico, animar aos cidadáns a repoboar a España baleira ou impulsar o emprego e a vivenda na zona rural se non se facilita á cidadanía o transporte terrestre. “Galicia non conta cunha rede viaria como si dispoñen outras comunidades e a paralización da construción de autovías de ámbito estatal está provocando que a vertebración da Galicia interior, e da provincia de Lugo en particular, sexa lenta e, por conseguinte, escasa”; da aí, conclúen os senadores, que “nos preocupemos polo avance das autovías da nosa provincia, co fin de que estas continúen o seu curso e non se sigan retrasando ou paralizando máis co deseño da futura norma”.

0.1185028553009