Esquerda Unida mantivo unha xuntanza coa veciñanza do barrio de Recatelo

LugoXa
A formación reclama maior participación cidadá e alternativas de lecer fronte á degradación dos espazos e á turistificación
Barrio-Recatelo-Lugo
22 Jan 2026

Esquerda Unida reuniuse coa Asociación de Veciñas do Parque Rosalía de Castro – Recatelo, nunha reunión na que participaron a coordinadora Isabel Sánchez; o secretario de Organización, Xoán Trigo, e a responsable de Institucional, Chus Rodríguez, abordando cuestións de interese e preocupación que afectan non só ao barrio, senón á cidade en xeral.

Desde a asociación mostraron a súa alarma polo estado de abandono das instalacións do Parque Rosalía, que van desde a falta de coidado, a tala de árbores, ata a degradación de espazos como a caseta do garda, o templete, o anfiteatro ou a antiga sede de Telefónica en García Portela. Isabel Sánchez sinalou que se trata dun dos “puntos verdes e de lecer máis simbólicos e importantes da cidade”.

A problemática do “botellón” atribúese, tanto pola Asociación como por EU, á falta de alternativas culturais e de lecer para a mocidade. Ademais, ambas partes coinciden na progresiva turistificación derivada de “falsas peonalizacións”, como a de Recatelo, que permiten a expansión de terrazas e a compra de baixos por especuladores, así como o destino de pisos a fins turísticos, provocando unha subida nos prezos de aluguer que está a expulsar ás veciñas, segundo Chus Rodríguez.

A Asociación denuncia tamén os danos materiais, a contaminación acústica e o consumo excesivo de alcol e substancias tóxicas entre os participantes do “botellón”, que se estende por varios puntos do parque. Ademais, sinalan a inacción das autoridades municipais e das Forzas e Corpos de Seguridade, así como as dificultades para obter permisos para actividades culturais ou sociais no parque, que permanece en semiabandono.

Moitas das situacións tratadas coinciden coas reiteradas críticas de Esquerda Unida, especialmente sobre a ausencia dun modelo de cidade por parte do goberno bipartito, con un alcalde que, segundo apuntan, evita a toma de decisións e non ofrece solucións ás problemáticas veciñais.

Esquerda Unida volve reclamar un proceso real de escoita e participación cidadá para deseñar políticas públicas e un modelo de cidade que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza, cunha cidade máis verde, con máis servizos públicos, menos privatización dos espazos, urbanismo con perspectiva de xénero e “unha cidade para vivir”.

⚙ Configurar cookies
0.17905020713806