Está a elaborarse unha nova Ordenanza para regular a conservación e rehabilitación de edificacións

LugoXa
Dentro do traballo de redacción desta nova normativa, o Concello de Lugo abrirá nos próximos días un proceso participativo para recoller achegas cidadás
Obras-edificios-licenzas-urbanismo-Lugo--1
29 Nov 2024

A área de Urbanismo do Concello de Lugo traballa no desenvolvemento dunha nova Ordenanza para regular a conservación e rehabilitación de edificacións.

O obxectivo desta norma é unificar nunha soa ordenanza todos aqueles aspectos que rexen o deber de conservar e rehabilitar inmobles, algo que ademais permitirá gañar axilidade na tramitación administrativa e simplificar os procedementos.

“Nos últimos anos introducíronse cambios a nivel supramunicipal, polo que é conveniente actualizar a nosa normativa. O obxectivo final é  mellorar a imaxe urbana e incrementar a protección do patrimonio arquitectónico. Así incrementaremos a capacidade da Administración local para velar pola seguridade e o ornato público”, sinalou a alcaldesa en relación a este asunto.

Dentro do traballo de redacción desta nova normativa, o Concello abrirá nos próximos días un proceso participativo para recoller achegas cidadás e do tecido empresarial e asociativo que poderán ser introducidas no borrador final segundo a consideración dos técnicos municipais sobre a viabilidade das propostas. Así, a veciñanza e as organizacións representativas potencialmente afectadas por esta nova norma poderán facer chegar as súas suxestións mediante un formulario tipo que estará dispoñible no portal web municipal.

“Para o noso Goberno a conservación urbana ten un valor fundamental. Lugo é un municipio repleto de patrimonio arquitectónico que debemos potenciar, ao mesmo tempo conta cun parque de vivendas relativamente antigo nalgunhas zonas cuxa conservación ou rehabilitación mellorará sensiblemente a calidade de vida da cidadanía evitando ademais a posible proliferación de zonas degradadas”, sinalou Alvarellos, quen destacou o importante labor que se está facendo desde a área de Urbanismo para, precisamente, evitar esa posible degradación de espazos urbanos.

De feito, nos últimos 3 anos, o Concello iniciou 450 expedientes por deficiencias na conservación de edificacións, impuxo 52 multas coercitivas por incumprir ordes de execución de obras e declarou 23 expedientes de ruína.

0.17229294776917