Establecementos de Ribadeo recibirán cartelería coas normas de apertura

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
2 May 2020

Acisa repartirá entre os seus asociados e asociadas a cartelería precisa coas novas normas e recomendacións para proceder ás aperturas dos establecementos nas diferentes fases da desescalada posta en marcha polo Goberno do Estado. Desde a xerencia da asociación, Jesús Pérez, explica que “estamos rematando de preparar todo este material no que se indicarán o aforo permitido, as recomendacións de uso de mascarillas, de luvas, de xeles, de manter a distancia de seguridade ou de efectuar pagos con tarxeta, así como cintas para colocar no chan e que a xente saiba onde ten que agardar pola súa quenda”.

Todo este material, que non terá ningún custe para as asociadas e asociados, únese ás mais de 3.300 mascarillas cirúrxicas, aos 180 botes de xel hidroalcohólico e ás 100.000 luvas de usar e tirar. Nos comercios o reparto realizarase a partires do 11 de maio e no caso da hostalería e dos hoteis será despois do 25 de maio. Pérez indica que “si algún non abre nesas datas poderá solicitar este material con posterioridade”.

Acisa envía a diario información actualizada aos seus socios e socias coas medidas e novidades que as diferentes administracións están a poñer en marcha durante o estado de alarma, ocasionado pola chegada a España da pandemia do Covid-19.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo pide prudencia á hora de tomar decisións como as posibles aperturas: “os nosos asociados e asociadas deben analizar si lles é rentable a apertura nas condicións establecidas nas diferentes fases”. Tamén aluden a outras medidas de proteccións como as mamparas: “a día de hoxe non sabemos si serán obrigatorias ou recomendables para os comercios e para os bares e restaurantes. É importante asesorarse e agardar ata que as decisións ou normativas sexan firmes. Todo co obxectivo de evitar inversións innecesarias. Tamén se está a falar moito das máquinas de ozono, pero de momento nada indica que vaian ser obrigatorias. De aí que pidamos prudencia”.

Novos socios

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, agradece “a confianza que nos están depositando nos nosos asociados e asociadas. Estamos a recibir mensaxes de agradecemento e de felicitación polo traballo que estamos a facer nunha época tan dura como a que estamos a vivir. Seguimos traballando coas diferentes administracións para tentar minimizar ao máximo posible os danos que esta pandemia mundial ocasionará na sociedade en xeral e nos sectores hostaleiro e comercial en particular”.

Iriarte engade que “sempre, pero sobre todo nestes momentos, queda clara a importancia de pertencer a unha asociación como a nosa. Cantos máis sexamos e canto máis unidos esteamos máis cousas poderemos conseguir”. O presidente de Acisa subliña que “estes días estamos a recibir chamadas de negocios de Ribadeo que queren facerse socios nosos, temos polo menos catro casos, aos que lles daremos a benvida nos vindeiros días. Queremos darlles a todos as grazas por confiar en Acisa”.

Balance xuntanza co Concello

O presidente de Acisa fai un balance positivo do encontro mantido onte no Concello e no que as terrazas hostaleiras foron as protagonistas: “o Concello está disposto a flexibilizar a ampliación das terrazas nos vindeiros días para que os negocios poidan ir abrindo as súas portas pouco a pouco. Iso de xeito inmediato, e máis adiante, xuntos teremos que estudar a ordenanza reguladora e a posibilidade de modificala para adaptala á nova normalidade. Pero antes teremos que coñecer á que se refire esa nova normalidade da que fala o Goberno do Estado”.

Iriarte Quintana agradece que “desde o Concello se escoiten as nosas demandas. Somos un sector moi importante para a economía local e todos xuntos deberemos traballar para seguir adiante e para evitar que poidan producirse peches e perdas de postos de traballo”.

Día da nai

Acisa repartirá dúas mil postais e cincocentas chapas para celebrar o Día da Nai. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo explican que “esta campaña é un xesto que queremos ter coas nais de Ribadeo, pero tamén cos propietarios e traballadores dos locais que están abertos para que a nosa vida siga a ser o máis normal posible, dentro desta crise sanitaria ocasionada polo Covid-19 que estamos a vivir”.

As postais e as chapas poderán atoparse nos establecementos asociados esenciais que están abertos os días 2 e 3 de maio: Panadería Torviso, Gasolineira El Jardín, Os Irmandiños, Panaderías La Plaza, Bis a Bis, Pastelería La Candelaria, Grupo Valcarce, Panificadora del Eo, Beep Informática, Fauna, Morán e nas farmacias asociadas. “Hai locais que abren dos dous días e hainos que so abren o sábado”, engaden desde o colectivo empresarial ribadense.

Desde Acisa piden responsabilidade: “como diciamos queremos render homenaxe ás nais con esta campaña, pero queremos pedir responsabilidade á hora de saír da casa. Seguimos en estado de alarma, seguimos confinados, entón para conseguir os agasallos de Acisa deben facelo aproveitando as saídas que están permitidas”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15645313262939