Establecimientos Rey: “Queremos levar a atención persoalizada á nosa web”

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Entrevistamos a Antonio Rey, xerente de Establecimientos Rey, empresa referencia da comarca desde a súa creación no Concello de Xove fai xa 55 anos, cando os seus pais viron unha oportunidade de negocio, en vista da evolución económica da Mariña coa construción do ferrocarril xunto co crecemento do sector pesqueiro.
DSC_0729
17 Out 2020

Entrevistamos a Antonio Rey, xerente de Establecimientos Rey, empresa referencia da comarca desde a súa creación no Concello de Xove fai xa 55 anos, cando os seus pais viron unha oportunidade de negocio, en vista da evolución económica da Mariña coa construción do ferrocarril xunto co crecemento do sector pesqueiro. Máis adiante tería o respaldo definitivo coa chegada de Inespal e as contratas que levaba aparelladas.

Na actualidade, Establecementos Rey conta con 14 empregados, Antonio Rey dirixe a empresa familiar sen perder de vista os valores iniciais cos que se fundou: atención persoal e de calidade aos seus clientes.

Cambiou moito a gama de produtos ofertados?

Xa desde un principio meu pai comezou con ferraxería, pero viuse obrigado polas demandas do mercado a ter tamén materiais de construción. Agora na actualidade mantemos a área de construción, tamén a de ferraxería, pero ademais temos saneamentos, cerámicas, madeiras, útiles para o fogar, drogaría, incluso pinturas... Tamén damos servizo ás auxiliares de Alcoa. Estas demandan produtos moi diferenciados e nós procuramos ser un provedor integral, é dicir, conseguirlles aquelo que precisan en moitos sectores. Practicamente asesoramos a un cliente en todas as facetas relacionadas coa casa, desde a construción dos piares ata o último equipamento salvo cousas como mobles e pouco máis...

Cantas referencias teñen e de canta superficie comercial dispoñen?

Estamos agora cargando referencias na tenda online que fai pouco que acabamos de facer e xa superábamos as 45.000, agora mesmo entre exposición e almacenaxe subimos dos 10.000 metros cadrados.

Como conseguen cubrir en tempo e forma as demandas dos clientes?

A sociedade está en constante evolución, hoxe todo vai moi rápido, é verdade, pero tamén é certo que temos ferramentas, por exemplo o correo electrónico, que nos satura a propostas dos nosos provedores de mellorar e aumentar o stocks.

Como afectou a pandemia á súa forma de traballar?

Pois evidentemente temos que cumprir e así o fixemos unhas estritas normas sanitarias, pero no referente ao volume de vendas estamos bastante contentos, tivemos unha carga de traballo importante. Moita xente pasou máis horas na súa casa e viu que tiña proxectos por facer ou acabar, desde ese punto de vista podemos dicir que en comparación con outros sectores por sorte polo de agora saímos ben parados.

Falaba da nova web, cre que vai ser factor determinante no futuro da sociedade?

O da tenda online era unha estratexia xa meditada, estaba desenvolvéndose cando apareceu a pandemia e agora mesmo xa está a pleno rendemento, iso si, continuamos metendo referencias e características técnicas para facer doada a compra tanto a profesionais como a particulares. Nela podemos atopar os mesmos produtos que na tenda física. Temos unha plataforma de envíos incorporada na propia web para xestionar os envíos a toda España e mesmo a Francia e Portugal.

Que tal está resultando o inicio desa andaina online?

Pois moi ben, case que ata sorprendidos. Non só en pedidos, que están indo francamente ben, se non tamén moitas consultas técnicas sobre diversos materiais e solucións. Intentamos a máis de contestar todas as dúbidas facerlles as compras doadas, poden pagar con PayPal, con tarxetas, mediante transferencia bancaria. Ás veces a xente pensa que a venda online non só se compra é listo, sen unha atención correcta ao consumidor, a nosa idea é trasladar a nosa atención e coidado dos clientes que vimos facendo fisicamente á tenda online, para nós o asesoramento e seguimento da satisfacción do cliente é un piar fundamental.

Como atenden a nivel de loxística unha comarca na que as distancias a veces son bastante longas?

Nós enviamos a calquera sitio da comarca en camión grúa ou furgoneta por 20 euros se o pedido é inferior a 600 euros, se supera esa contía xa os enviamos sen cargo.

Que plans de futuro teñen?

Pois seguir traballando como ata o de agora mantendo os clientes que están moitos deles arraigados desde fai décadas. E que se solucione o antes posible a incerteza que temos sobre a continuidade da central.

0.1829948425293