Este domingo dan comezo os concertos da terceira edición do Muralleando
Presentados os dous primeiros concertos que dan forma á terceira edición do ciclo Muralleando, “trátase de dous concertos de músicas e estilos moi diferentes dan conta e serven de presentación do que será esta nova edición do muralleando”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “durante todo o verán poderemos desfrutar de actuacións musicais de balde de moi variados estilos e que darán moi boa mostra da oferta de bandas e agrupacións culturais da cidade e da calidade das mesmas”.
Os dous primeiros concertos anunciados terán lugar nas instalacións do Vello Cárcere, con Lucus Ensemble co seu novo traballo, Charamuscas, ás 13.00 do domingo 4, e con Adrián Vigo e a súa banda de 6 músicos, que traerán A estrela que me guía o día 10.
O muralleando comezou, no 2020 como apoio ao sector nun momento pandémico e despois deste inicio estableceuse como escaparate e posta en valor do tecido cultural musical da cidade.
”É unha oportunidade para as bandas e a veciñanza de coñecerse mutuamente e apoiarse, enchendo ademais os seráns de verán na cidade de música, completando así a oferta de ocio para a cidadanía e para aqueles que nos visitan que poderan tomar boa nota da música da cidade”, explicou Rubén Arroxo.
Arroxo anunciou que o Muralleando é o primeiro chanzo “da importante selección de actividade cultural do verán para toda a veciñanza de Lugo e as persoas que nos visiten”.