Este mércores celébrase a XII edición da Festa da Xuventude de Antas de Ulla

LugoXa
Para facilitar os desprazamentos, a organización ofrece servizo de autobuses desde localidades próximas
Festa-da-Xuventude-Antas-de-Ulla
15 Apr 2025

O Concello de Antas de Ulla organiza mañá, mércores 16 de abril, a XII edición da Festa da Xuventude, unha cita xa consolidada que terá lugar na Praza Nova e que busca ofrecer unha xornada festiva e participativa para a mocidade do municipio.

A programación comezará ás 16:00 horas cunha tarde infantil na pista do CEIP de Antas de Ulla, con acceso gratuíto. Os máis pequenos e as súas familias poderán gozar dunha pista americana e diversos xogos dirixidos por monitoras, nun formato pensado para o lecer e a convivencia interxeracional.

A festa continuará ás 20:00 horas coa animada Ruta do Elefante, un percorrido polas rúas da vila acompañado pola Charanga Eravisto, que porá a nota musical e festiva á tarde.

A partir das 23:00 horas, a música tomará protagonismo na Praza Nova coa verbena a cargo da recoñecida orquestra París de Noia e da Discomóbil Casanova, garantindo ambiente ata altas horas da madrugada.

Durante toda a celebración estarán dispoñibles postos de comida e tamén un Punto Violeta, co obxectivo de crear espazos seguros e libres de violencias machistas para todas as persoas asistentes.

Para facilitar os desprazamentos, a organización ofrece servizo de autobuses desde localidades próximas. Haberá dúas rutas: unha con saída en Lalín, pasando por Rodeiro, Chantada, Taboada e Monterroso, e outra que parte de Agolada, con paradas en Melide, Palas de Rei e Monterroso.

Ademais, como parte da festa, véndense camisetas e suadoiros conmemorativos por 10 e 20 euros, que poden encargarse por WhatsApp ou adquirirse en diversos establecementos locais.

⚙ Configurar cookies
0.17669701576233