Estefanía Padullés presenta en Lugo a súa novela para adultos ‘Memoria de sombra y bosque’

LugoXa | SarriaXa
O acto celebrarase o 8 de abril na Librería Biblos cunha obra que aborda a adolescencia e o sistema de protección de menores
Estefanía-Padullés
7 Apr 2026

A escritora e ilustradora de Paradela Estefanía Padullés, coñecida pola súa traxectoria na literatura infantil, presenta este mércores 8 de abril en Lugo a súa primeira obra de narrativa para adultos, Memoria de sombra y bosque. O encontro terá lugar na Librería Biblos a partir das 19.00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade.

A novela, editada por Hércules de Ediciones, supón un cambio de rexistro para a autora, que nesta ocasión aborda cuestións como a complexidade da adolescencia e o funcionamento do sistema de protección de menores. Durante a presentación, Padullés estará acompañada por Iago Corral, mestre de Educación Primaria, con quen afondará na intrahistoria do relato.

A obra céntrase na vida de Alina, unha moza de quince anos que medrou nun centro de menores tutelados. A través desta historia, a autora pon o foco nas limitacións dun sistema que, segundo expón, pode chegar a “agarrotar a identidade” dos mozos ao reducilos a simples anotacións en expedientes administrativos e psiquiátricos.

Licenciada en Bioloxía e residente no rural galego, Padullés propón con esta novela unha reflexión sobre a fragilidade e a procura de dignidade en contextos de exclusión, convidando ao público lucense a participar nun diálogo arredor destas realidades.

0.1193220615387