A Deputación de Lugo inicia este sábado a programación do 25N cun espectáculo de humor feminista

LugoXa
O dúo Sobria e Serena abrirá o ciclo o 21 de novembro no Pazo de San Marcos, onde o domingo se representará 'Golpes', con Estíbaliz Veiga
Perfomance-25N-en-2025-Deputacion-Lugo
20 Nov 2026

A Deputación de Lugo iniciará este sábado 21 de novembro a súa programación arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha proposta que combina humor e reivindicación feminista. O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá ás 19:00 horas o monólogo 'Risas con perspectiva feminista', a cargo do dúo galego Sobria e Serena, formado polas actrices e humoristas Arantxa Treus e Jazmín Abuín.

As dúas artistas desenvolveron unha traxectoria nos escenarios galegos cun humor irreverente, próximo e cotián. A través dos seus monólogos, do teatro e das redes sociais abordan cuestións de actualidade desde unha perspectiva feminista e con retranca. Nesta ocasión, utilizarán a comedia para cuestionar estereotipos e promover a reflexión sobre as desigualdades de xénero.

A programación continuará o domingo 22 de novembro, ás 12:00 horas, tamén no Pazo de San Marcos, coa representación de 'Golpes', unha obra da compañía galega aAntena, escrita e dirixida por Xosé Leis e protagonizada pola actriz luguesa Estíbaliz Veiga.

A peza conta a historia de Pamela, unha moza que, a través de situacións cotiás, vai cedendo espazo e liberdade ata converterse nunha vítima de violencia machista. A proposta pretende axudar o público a identificar os micromachismos e os primeiros sinais de violencia que poden agocharse nas relacións afectivas, así como os estereotipos de xénero e os mitos do amor romántico que contribúen a normalizar estas condutas.

Tras a representación haberá unha análise audiovisual e un debate guiado, ademais dunha sesión sobre a pedagoxía do consentimento e a coordinación de intimidade no audiovisual. Neste ámbito, Estíbaliz Veiga conta cunha destacada traxectoria profesional e participou como coordinadora de intimidade en producións de Netflix.

Durante o encontro explicará como se preparan as escenas íntimas no audiovisual, desde a lectura do guión e os ensaios ata a rodaxe e a montaxe. O obxectivo é garantir que os intérpretes coñezan e poidan pactar os seus límites e que o consentimento sexa libre, informado e reversible. Tamén se abordarán cuestións como a liberdade de decisión, a comunicación, o respecto aos límites propios e alleos, a presión de grupo e a responsabilidade afectiva, para ofrecer ferramentas que permitan construír relacións máis libres e igualitarias.

O manifesto do 25N e as actividades de decembro

O mércores 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, terá lugar a lectura do manifesto institucional, a cargo da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira. A continuación desenvolverase a acción simbólica 'En camiño contra as violencias', protagonizada polo alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación, que conmemora o décimo aniversario do proxecto.

O calendario continuará o venres 4 de decembro, ás 10:30 horas, no auditorio municipal de Vilalba, co monólogo 'Esto no es amor', de Marina Marroquí. A actividade está dirixida ao alumnado de Secundaria e Bacharelato e xa supera as 400 inscricións de centros educativos da Terra Chá e da Mariña. Educadora social e supervivente da violencia machista durante a adolescencia, Marroquí emprega o humor para desmontar os mitos do amor romántico e axudar a identificar as condutas de control nas relacións.

O ciclo pecharase o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, coa intervención de Amelia Tiganus no salón de actos da Deputación, ás 19:00 horas. A escritora e activista feminista, supervivente da trata de mulleres con fins de explotación sexual, abordará a violencia sexual e a explotación das mulleres desde unha perspectiva de defensa dos dereitos humanos. Autora de obras como 'La revuelta de las putas', Tiganus é unha das voces de referencia na análise crítica destas formas de violencia.

Todas as actividades serán de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade dos espazos.

0.16894698143005