O tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentaron unha maqueta da escultura que se instalará no Cemiterio Municipal en lembranza das persoas represaliadas durante a Guerra Civil e a Ditadura franquista. Segundo explicou Cristina López, “dedicaremos un espazo destacado no cemiterio á memoria, para lembrar a todas aquelas persoas que sufriron por pensar diferente”.
A obra será realizada polo escultor Álvaro de la Vega en granito, un material que, segundo a concelleira, "aportará un importante simbolismo e aumentará o valor patrimonial do cemiterio". A instalación da escultura está prevista antes de final de ano, asegurando que as familias das vítimas teñan un lugar de recordo para os seus seres queridos, inxustamente asasinados polo franquismo.
Álvaro de la Vega, recoñecido polo seu traballo escultórico, especialmente en madeira, ferro e pedra, será o encargado de crear a obra. A súa traxectoria inclúe influencias primitivas e unha marcada expresividade, características que lle permiten transmitir unha profunda carga simbólica nas súas creacións.