Estudan a creación dunha rotonda no cruce que une a N-642 coa estrada Foz-Ferreira

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia estudará a creación dunha rotonda no cruce que une a Nacional 642 coa estrada Foz-Ferreira.
24 Dec 2019

A Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia estudará a creación dunha rotonda no cruce que une a Nacional 642 coa estrada Foz-Ferreira. Anúnciao o alcalde de Foz, Fran Cajoto, despois da reunión que mantivo coa Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e con responsables da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia e na provincia de Lugo, na que estivo tamén presente o concelleiro de Comunicación e Relacións Institucionais, Carlos García.

“Foi unha reunión de traballo, celebrada na Subdelegación e que valoro moi positivamente porque se trataron distintos proxectos de importancia para os veciños e o Concello de Foz, como a marcha das obras que se están a acometer en catro pontes sobre a N-642, para reparar os danos que teñen e evitar no futuro problemas derivados do reducido gálibo actual”, explica o rexedor municipal.

“Estou moi satisfeito polo resultado da reunión e son certamente optimista respecto dos asuntos que plantexei neste encontro”, indica Fran Cajoto. “Entre outras cousas, a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia comprometeuse a avaliar a demanda de crear unha rotonda para regular o tráfico no cruce da Corredoira. Para elo vaise realizar o estudio de execución dunha rotonda no cruce que une a Estrada da Costa (N-642) co viario Foz-Ferreira (LU-152). O alcalde fixo esta proposta por considerar que se trata dun punto moi conflitivo, especialmente en época de verán, cando pola Estrada da Costa chegan a circular máis de 15.000 vehículos diarios. Sábeno ben todos os usuarios da estrada de Ferreira, que moitas veces buscan camiños veciñais para sortear o atasco que se forma no sinal de STOP da intersección. Unha estrada como a da Costa, con este nivel de tráfico, non se pode conectar cun enlace simple como na actualidade: hai que actuar na zona”, engadiu o alcalde focense.

Cajoto lembra que “a mesma proposta tamén fora plantexada no seu día á Xunta de Galicia, que é a titular da LU-152, pero desbotou esa posibilidade, argumentando que non había suficiente intensidade de vehículos que xustificaran a execución da rotonda”.

O rexedor municipal de Foz rematou comentando: “agradezo a atención da Subdelegada, do Xefe da Demarcación e dos restantes técnicos, porque sempre nos atenden con gran dilixencia. Cando se plantexan cuestións lóxicas, que redundan en beneficio dos veciños, os proxectos deben saír adiante; e para iso é moi necesaria a boa sintonía que existe entre as administracións, que deben colaborar para sacar adiante propostas que melloren a calidade de vida dos cidadáns”.

0.11424899101257