Estudantes de Lugo e Meira recibiron os premios do certame IlustraNÓS da Deputación

LugoXa | TerraChaXa
Unha estudante do CEIP Rosalía de Castro da capital e tres do meirego IES Pedregal de Irimia foron os gañadores do certame
ilustranos-premios
26 May 2026

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu o acto de entrega de premios do IV Certame Escolar de Ilustración IlustrarNÓS, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Unha estudante do CEIP Rosalía de Castro de Lugo e tres do IES Pedregal de Irimia de Meira foron os gañadores do certame nas categorías 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, 3º e 4º da ESO e Bacharelato e Ciclos.

Os seus traballos foron elixidos entre as máis de 100 ilustracións presentadas ao certame por parte de alumnas e alumnos de colexios e institutos das distintas comarcas, inspiradas no lema proposto para esta cuarta edición da convocatoria, “O humor”, que convidaba a representar graficamente este concepto.

As autoras das obras gañadoras foron agasalladas cun Ipad con aplicacións de deseño gráfico e cun lote das máis recentes publicacións en galego de álbum, banda deseñada e novela gráfica.

A deputada Iria Castro deu os parabéns ás premiadas e agradeceu a participación de todas as alumnas e alumnos que presentaron os seus traballos ao certame, así como do profesorado e das familias que oas alentaron e lembrou os obxectivos desta iniciativa, que, explicou, “ofrece un aliciente para que as alumnas e alumnos poñan en marcha a súa creatividade” e “pretende popularizar a obra de ilustradores e ilustradores galegos entre as xeracións máis novas”

O acto contou coa participación da escritora e editora Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que compartiu coas gañadoras as súas reflexións sobre as posibilidades que ofrece a ilustración como linguaxe artística, remarcando a creación como unha actividade netamente humana.

Obradoiros e charlas en centros educativos

O certame forma parte da programación ilustrarNÓS , organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para promover a creatividade e achegar as aulas a obra de creadoras e creadores gráficos galegos, tomando como referencia a figura elixida pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración para o Día da Ilustración; este ano, Siro López.

Ademais da convocatoria do certame, impártense obradoiros e charlas sobre ilustración en centros educativos da provincia, nesta edición, a cargo do propio Siro López, que nas últimas semanas visitou o IES Lucus Augusti, o IES Nosa Sra dos Ollos Grandes de Lugo e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. A ilustradora lucense Sandra Lodi achegouse ao CPI de Castroverde, ao CEIP Rosalía de Castro de Lugo, ao CEIP Albeiros de Lugo, ao CEIP Virxe da Luz de Portomarín, ao CEIP Rosalía de Castro de Bóveda e ao CEIP Concepción López de Baleira. Os últimos obradoiros celebraranse hoxe no CPI Dr. López Suárez de Friol e no CEIP Terra Chá de Vilalba.

0.11897706985474