Estudantes franceses coñecen en Lugo as políticas migratorias e o funcionamento da Administración local

O concelleiro de Benestar Social do Concello de Lugo, Gustavo Díaz, recibiu na Casa Consistorial un grupo de estudantes franceses do Lycée Joseph Saverne de L'Isle Jourdain, localidade próxima a Toulouse, que se atopan na cidade participando nun intercambio do programa Erasmus en colaboración co IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.
Durante o encontro, o alumnado puido coñecer o funcionamento das institucións españolas e afondar nas políticas migratorias e de acollida desde a perspectiva da Administración local. Os estudantes amosaron especial interese pola organización territorial do Estado e o reparto de competencias entre a Administración xeral, as comunidades autónomas e os concellos. Díaz explicou as responsabilidades de cada nivel administrativo en ámbitos como a sanidade, a educación, a estranxeiría e o asilo.
A conversa tamén abordou os procedementos legais relacionados coa inmigración, desde as diferentes vías para acceder á residencia ata os requisitos para obter a nacionalidade española e o funcionamento do sistema de acollida das persoas solicitantes de protección internacional.
O concelleiro destacou o papel dos concellos como administracións de proximidade e primeiro punto de referencia para moitas persoas que chegan ao país. Neste sentido, explicou a importancia do empadroamento para facilitar o acceso aos servizos públicos, así como o labor de información, orientación e acompañamento que realizan os servizos sociais municipais.
Díaz lembrou tamén a tradición histórica de Galicia como terra de emigración e sinalou que "a nosa propia historia axúdanos a comprender mellor a realidade das persoas que hoxe chegan ao noso territorio. Esa experiencia permítenos entender a migración non como un problema, senón como unha oportunidade".
Finalmente, agradeceu ao alumnado francés o seu interese por coñecer a realidade social e institucional de Lugo e puxo en valor a importancia de programas como Erasmus para favorecer o coñecemento mutuo, o diálogo e a convivencia entre a mocidade europea.