Exfilna chega a Lugo en outubro do 2021

LugoXa
Lugo será sede, do 21 ao 24 de outubro, da Exposición Filatélica Nacional, segundo confirmou este martes a Sociedade Filatélica Lucense.
sellos del mundo
21 Abr 2021

Lugo será sede, do 21 ao 24 de outubro , da Exposición Filatélica Nacional (Exfilna 2021), segundo confirmou este martes a Sociedade Filatélica Lucense.

O colectivo destaca que acoller Exfilna supoñerá para Lugo converterse en “importante foco de atención para coleccionistas, afeccionados e para o público xeral”. Lembran ademais que se trata dunha “vella aspiración” da cidade “que leva perseguindo desde os anos 60”, e que só conseguiron Santiago de Compostela no ano 1965, A Coruña en 1976 e Vigo en 2001.

A Exposición Filatélica Nacional ten dúas vertentes fundamentais. Por unha banda, a propia exposición, que se centra na promoción da filatelia como un valor cultural e económico, buscando a difusión desta afección e, por outro, o Campionato de España de Filatelia, que se organiza nas clases Oficial, Mestra e Competición.

Correos, principal patrocinador de Exfilna, emite ademais cada ano unha folla bloque conmemorativa dedicada á cidade na que se realiza a mostra, “e outras emisións durante o período que serán claves para que Lugo véxase recoñecido a nivel nacional e internacional, xa que non podemos esquecer que a filatelia española é mundialmente recoñecida, admirada e mesmo cobizada a nivel de coleccionismo”, destacan desde a Sociedade Filatélica Lucense.

Exfilna 2021 desenvolverase no mes de outubro, en tres escenarios: unha carpa na Praza de Santa María, o salón rexio do Círculo das Artes e a sala de exposicións do Pazo de San Marcos.

0.19369602203369