Éxito de participación no torneo de tenis de mesa do Dez Portas

LugoXa
O Club Dez Portas celebrou o seu IV Torneo Lvcvs de tenis de mesa cun centenar de participantes chegados de Galicia, Asturias e Portugal.
Tenis de Mesa dez portas
Tenis de Mesa dez portas
23 may 2022

O IV Torneo Lvcvs de tenis de mesa, organizado polo club Dez Portas TM o pasado 17 de maio en Lugo, foi un éxito de participación. Así o cualificou o propio club quen conseguiu reunir a un total de 101 deportistas na Casa do Deporte da capital.

Os xogadores, chegados de diferentes puntos de Galicia, Asturias e Vilanova da Cerveira (Portugal), foron divididos en diferentes categorías por idades. Para a confección dos grupos, asemade, atenderon a súa clasificación do ranking da Federación Galega de Tenis de Mesa así como ao da Federación Española.

Pola mañá, xogaron as clasificatorias e, xa pola tarde, os enfrontamentos directos nas diferentes eliminatorias, xogadas desde Cuartos de final en todas as categorías, agás en Veteranos que comezaría en Octavos. As categorías foron 5: Benxamín/Alevín, Infantil/Xuvenil, Veteranos, Absoluta e Afeccionados. Houbo trofeos, medallas e agasallos (na categoría Afeccionados), para os 4 primeiros clasificados de cada proba.

Os resultados máis destacados para o Club local Dez Portas, anfitrión e organizador do torneo, foron un tercerio posto para Samuel García na categoría absoluta, e o subcampionato nesta mesma categoría, para Andrés Martín.

O Club Dez Portas agradece a colaboración de todos os clubes participantes, xa que sen eles o torneo non sería posible e agárdaos en vindeiras edicións do torneo; aos establecementos colaboradores, Caixa Rural Galega, Mascovet, Higiene A Miña, Óptica Latorre, Café Bar Karlos e Élide Deportes; e por suposto, ao Concello de Lugo, polas facilidades que nos deron á hora de cedernos o pabellón de xogo e adaptarse ás nosas necesidades, a Deputación de Lugo e a Federación Galega de Tenis de Mesa.