Facer posible o necesario

LugoXa | TerraChaXa
"Concluín que ámbolos dous, dalgún xeito dende os seus espazos e traxectorias vitais representaban ao pobo de a pé, aos que lles moven ás cousas importantes para a maioría"
xose-manuel-beiras
3 Nov 2026

Por Ana Belén Gómez.

Seguro que non fun a única en decatarse da coincidencia das mortes de Xosé Manuel Beiras, e Mari Carmen (Abascal), máis coñecida polo seu nome de pila, que faleceron a principios do mes de outubro, só cunhas horas de diferenza, sendo ambos da mesma xeración, a das nove décadas, que se di pronto, ou case, a Mª Carmen quedábabanlle só tres aniversarios para alcanza-la tan prezada decena.

Pensei que non era unha coincidencia sen máis, que algún nexo común importante, que en principio se me escapaba, habían de ter, aparte dunha idade similar, un país en común, e a morte como final irreducto que nos iguala a todos cunha precisión milimétrica.

Concluín que ámbolos dous, dalgún xeito dende os seus espazos e traxectorias vitais representaban ao pobo de a pé, aos que lles moven as cousas importantes para a maioría.

O noso querido Xosé Manuel Beiras, referente político e exemplo en tantas cousas nesta Galiza que se despide daquel que soubo amala tan ben, dende a súa docencia en galego na universidade naqueles anos que non era o común, ata a publicación da xa imprescindible obra O atraso económico de Galicia, onde reflexiona valentemente sobre aquilo que ninguén fora quen de articular con anterioridade, un estudo e análise socio-económica rigorosa da sociedade galega no seu momento que perdura ata os nosos día e aínda está, poderiamos dicir, máis vixente ca nunca, alén do seu inquebrantable compromiso coa nosa terra e as súas xentes ás que amaba dende a coherencia coas palabras, os feitos, e, sobre todo, coa súa maneira de facer política.

Para algúns, toda unha personalidade dado ás mostras inequívocas da súa paixón, amor e compromiso con esta terra e as súas tradicións, sempre a favor dun progreso real. Da súa ilustre boca saíu esta reflexión, que aplicada seguindo os principios de honradez e interese común fora capaz algún día de revolucionar os nosos hemiciclos: “a política non é a arte do posible, senón a arte de facer posible o necesario.”

Pola contra Mª Carmen fixérase famosa nun corto espazo de tempo por ser protagonista indiscutible da súa propia historia de activismo a favor do dereito á vivenda, facendo especial fincapé nos máis fráxiles coma ela, como dicíamos, case nonaxenaria e durante moitos da súa vulnerable vellez ameazada coa sombra dun posible desafiuzamento da vivenda onde residira durante máis de 70 anos, opoñéndose, protestando e atrincheirándose coa axuda daquelas asociacións, organismos sociais e sindicatos dentro do noso estado democrático que decidiron apoiala contra o desafiuzamento que, finalmente, chegou. E ese foi o seu legado, levar a súa reivindicación do dereito a un teito ata aqueles organismos que puideran garantilo. Conseguiuno, mais no intento, chegoulle tamén o último alento. Facer posible que a necesidade da vivenda sexa un tema tratado dende o ámbito político para mudar unha realidade que asoballa os dereitos básicos dos cidadáns de a pé, foi o seu último mérito, morreu reivindicando o dereito ao teito e facéndoo parte da nosa axenda política, que finalmente escoitou o seu clamor e creou o decreto Maricarmen, acuñado así no seu nome. O que me leva á frase anterior do noso agora añorado Beiras: “a política non é a arte do posible, senón a arte de facer posible o necesario”.

Grazas a ambos pola vida e o esforzo facendo posible o necesario.

0.14925312995911