Facha celebrará o 18 de xullo a tradicional Festa da Virxe do Carme

A parroquia de Facha, no municipio de Antas de Ulla, celebrará o vindeiro sábado 18 de xullo a tradicional Festa na honra á Virxe do Carme, unha cita que reunirá actos relixiosos e festivos para manter viva unha das celebracións máis arraigadas da localidade.
A programación comezará ás 13.00 horas coa misa solemne, tras a que terá lugar a procesión na honra á Virxe do Carme polas inmediacións da parroquia.
Rematados os actos relixiosos, a celebración continuará coa sesión vermú, que estará amenizada polo Trío Mar de Caión. Xa pola noite, a música volverá ser protagonista cunha gran verbena na que actuarán o propio Trío Mar de Caión e a Charanga Chafalleiros.
Co obxectivo de garantir unha maior comodidade aos asistentes, a organización instalará unha carpa que cubrirá o recinto da festa.
Desde o Concello de Antas de Ulla animan á veciñanza e ás persoas que se acheguen ao municipio a participar nesta xornada festiva, que combinará tradición, música e convivencia.