FADAS celebra na Praza Maior de Lugo a IX Feira de Asociacións de Ámbito Social

LugoXa
A cita reúne entidades sociais para dar visibilidade ao seu traballo en inclusión, igualdade, saúde, emprego e cooperación
FADAS-Lugo-Feira-de-Asociacións-de-Ámbito-Social-lucense
29 May 2026

A Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS) inaugurou unha nova edición da IX Feira de Asociacións de Ámbito Social lucense na Praza Maior de Lugo, nun encontro que reúne numerosas entidades da cidade e da comarca.

O obxectivo da xornada é dar visibilidade ao labor que desenvolven estes colectivos en diferentes ámbitos como a defensa das mulleres, a familia, a infancia, a saúde, o emprego, a inmigración, o comercio xusto, a cooperación ao desenvolvemento, o deporte, o voluntariado ou o fomento da sostibilidade.

A cita congrega entidades sociais que traballan ao longo do ano en proxectos e servizos relacionados coa inclusión social, a atención a persoas con diversidade funcional, o apoio ás familias e a promoción da igualdade de oportunidades, entre outros ámbitos.

Durante o acto, o director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas, destacou a aposta da Xunta de Galicia por establecer redes de colaboración coas entidades de iniciativa social, subliñando que o seu labor resulta clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva. Engadiu que o compromiso do Goberno galego nesta materia se reflicte nos orzamentos da Consellería, que destinan este ano máis de 130 millóns de euros a reforzar as políticas de inclusión.

Tamén desde o BNG sinalaron a importancia de apoiar e fortalecer o tecido asociativo, considerado unha ferramenta esencial para detectar necesidades, ofrecer acompañamento ás persoas e desenvolver iniciativas que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Durante a visita aos expositores, o concelleiro nacionalista Alexandre Penas puxo en valor o compromiso e a dedicación das asociacións integradas en FADAS, destacando o seu papel fundamental na construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e cohesionada.

O edil agradeceu tamén o esforzo realizado pola federación para organizar unha nova edición da feira, xa consolidada como punto de encontro entre entidades sociais e cidadanía, e animou á veciñanza de Lugo a coñecer de primeira man o traballo destes colectivos.

Pola súa parte, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recalcou que “a institución provincial mantén unha estreita colaboración con esta entidade realizando unha achega económica de 10.000 euros para apoiar o seu funcionamento”. Nesta liña, o deputado Provincial tamén puxo en valor que “estamos ao carón do tecido asociativo colaborando activamente nas iniciativas que levan a cabo destinadas a mellorar a calidade de vida e de benestar de toda a veciñanza”.

0.098734855651855