Fapacel agradece as reparacións no CEIP de Meira pero reclama á Xunta máis investimentos noutros centros da provincia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Entre eles citan os colexios de Lugo de As Mercedes e Casás ou o Vista Alegre de Burela, no que as familias levan semanas mobilizándose
Ceip-vista-alegre-concentracion-burela
28 May 2026

A Federación de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (Fapacel) amosou a súa satisfacción pola inclusión do CEIP de Meira no novo paquete de actuacións impulsado pola Xunta de Galicia dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, aínda que advertiu da necesidade de ampliar os investimentos a outros centros educativos da provincia que tamén presentan importantes carencias estruturais.

A entidade valorou positivamente que un centro lucense forme parte das 22 actuacións anunciadas polo Goberno galego, pero lamentou que sexa o único da provincia incluído nesta nova fase do plan. Neste sentido, Fapacel insistiu en que existen outros colexios con necesidades “urxentes” que levan anos agardando por intervencións integrais.

A federación aclarou que non cuestiona a prioridade nin a xustificación das obras previstas no CEIP de Meira, pero considera necesario visibilizar a situación doutros centros educativos da provincia que continúan acumulando deficiencias sen solución definitiva.

Entre eles citan o CEIP As Mercedes de Lugo, onde reclaman unha reforma integral do edificio e a eliminación das barreiras arquitectónicas que dificultan a accesibilidade e a inclusión do alumnado. Tamén fan referencia ao CEIP Casás, na cidade de Lugo, onde denuncian problemas relacionados co deterioro do peche perimetral e as filtracións no pavillón deportivo.

Fapacel puxo especial atención na situación do CEIP Vista Alegre de Burela, un centro que presenta humidades recorrentes, deficiencias de illamento térmico e un patio sen cubrir. Segundo lembran, as familias levan cinco semanas consecutivas mobilizándose para reclamar solucións ás necesidades das instalacións educativas.

A federación trasladou o seu apoio ás protestas das familias de Burela, destacando que estas mobilizacións responden á preocupación existente polas condicións nas que o alumnado desenvolve a súa actividade diaria.

Por todo isto, Fapacel reclamou á Xunta de Galicia unha planificación “máis ampla, coherente e sostida no tempo” en materia de infraestruturas educativas, co obxectivo de acelerar as actuacións pendentes e garantir espazos seguros, accesibles e adecuados para o conxunto da comunidade escolar.

A entidade incidiu en que a defensa dunha educación pública de calidade pasa necesariamente por asegurar que todos os centros educativos dispoñan de instalacións dignas e adaptadas ás necesidades actuais do alumnado.

0.12348699569702