Fegadem organiza unha sesión informativa sobre o solo pelviano na esclerose múltiple

A Federación Galega de Esclerose Múltiple (Fegadem), en colaboración coa fisioterapeuta especializada Montserrat Ceballos Rivera, organiza unha sesión informativa centrada no papel do solo pelviano na esclerose múltiple.
A actividade, titulada “O papel do solo pelviano na esclerose múltiple”, desenvolverase en formato online o mércores 17 de xuño ás 17:30 horas, cun aforo limitado que fai necesaria a inscrición previa das persoas interesadas.
Durante a sesión abordarase como a esclerose múltiple pode afectar os nervios que conectan o cerebro coa zona pélvica, tanto en homes como en mulleres, provocando síntomas como dor, incontinencia, estreñemento, problemas sexuais ou tensión pelviana.
A iniciativa busca ofrecer información e ferramentas útiles para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa, así como visibilizar a importancia do coidado do solo pelviano dentro do manexo integral da esclerose múltiple.