Felipe Labrada Reija, alcalde do Corgo: "Estou á disposición do partido, pero xa teño unha idade"

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Empecei como concelleiro no ano 1987 no Partido Popular. O daquela alcalde, Darío Díaz-Castroverde, invitoume a acompañalo nas listas. Xa colaboraba con el para pedir cousas para o pobo e abrir pistas, ampliando os camiños naquel momento, polo que comecei a miña andaina na política.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
Foi cando o partido mo pediu, nas eleccións de 2019, para que fose cabeza de lista. Naquel momento, ao decidir Antonio Ferreiro González que non continuaba, o partido invitoume a encabezar a candidatura. Gañamos as eleccións con maioría simple e fixemos un pacto con Ciudadanos, pero durou pouco. No 2023 xa conseguimos a maioría absoluta, con oito concelleiros.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Hai que estar as 24 horas ao servizo dos veciños e estar pendente do teléfono.
E beneficios?
Permíteche estar en contacto cos veciños de todo o municipio e coñecer as súas necesidades.
Como equilibra a vida pública e a privada?
A verdade é que forma parte da vida diaria: estás coa familia e cos veciños. A familia tamén ten que vivir a vida política, porque a calquera hora tes que atender as demandas que che trasladan.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non sei se estou en condicións de continuar ou se o partido conta comigo, porque aínda non falamos. Pero eu vou estar aí, se as circunstancias mo permiten, apoiando a candidatura que presente o Partido Popular. Estou á disposición do partido e farei o que me pidan, aínda que xa teño unha idade. No seu momento fun suplente para o Congreso dos Deputados e ocupei o número 12 na lista para a Xunta. Os meus obxectivos xa están superados.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Estamos traballando en proxectos importantes, como o da residencia, que xa está aprobado pola Xunta. Gustaríame vela rematada porque é moi importante para o Concello do Corgo e para os concellos da contorna. Estamos moi contentos de que se constrúa unha aquí e outra no concello veciño do Páramo, porque hai moita xente maior e son necesarias. Outro proxecto importante, no que levamos traballando durante esta lexislatura, é o polígono industrial, co obxectivo de atraer empresas, crear postos de traballo e favorecer tamén o asentamento da poboación.
Cales son as principais liñas do seu programa?
O programa seguirá a liña destes dous proxectos, en colaboración coa Xunta.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Unha das necesidades do Corgo é a vivenda. Adquirimos bastante terreo, xa que sempre foi moi difícil conseguir superficie para poder edificar. Agora temos unhas parcelas que foron adquiridas polo Concello para construír e ir creando un núcleo de poboación arredor da capitalidade municipal, xa que o municipio está moi diseminado. En canto ás estradas, sempre hai necesidades, porque as vías rurais se deterioran co paso da maquinaria agrícola. Estamos traballando niso e seguiremos renovando e mantendo as estradas, con actuacións como a aplicación de aglomerado en quente. É un traballo continuo.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Síntome orgulloso de estar preto da xente. Destacaría servizos como o SAF, o PAI e o SAT, que compartimos cos concellos de Castroverde e Baleira, así como as iniciativas de conciliación familiar, tanto durante o curso escolar como cos campamentos de verán. Estamos ao lado das persoas que nos necesitan. Tamén contamos cun bo servizo sanitario e realizouse un bo despregamento da fibra óptica, que chega ao 90 % do concello. Considero que tamén é unha actuación ben feita.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Haberá xente á que lle caia máis simpático e outra á que lle caia menos, pero intento transmitir unha imaxe de seriedade e, ao mesmo tempo, de proximidade. Quero estar preto da xente e dispoñible para os veciños.
Como é a súa relación coa oposición?
Bastante próxima e cordial.
MÁIS DE PRETO
-Idade, estado civil e familiar
66 anos, casado e 1 filla
-Profesión e formación
Gandeiro e estiven nunha cooperativa do sector lácteo
-E se non o fose, que lle gustaría ser?
Gandeiro
-Que quería ser de maior?
Gandeiro
-Que fai para desconectar?
Estar cos amigos
-Unha virtude e un defecto
Prefiro que mos vexan os veciños
-Un consello para compartir
A humildade
-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
‘Por quien doblan las campanas’, de Hemingway; ‘A Esmorga, e Rosalía
-Unha afección
Estar cos amigos
-Un lugar que visitar
O Corgo
-Unha comida e unha bebida
Polbo á feira e viño
-Unha personaxe admirada (viva ou morta)
A xente maior
-Unha posesión preciada
Non teño posesións preciadas, a saúde
-Un desexo
Que a xente teña saúde e poida estar a gusto
-Algo para esquecer
Non teño moito que esquecer
-Que é o que máis valora nunha persoa?
A honradez
-Un desafío pendente.
Facelo Camiño pola Vía Künig
-Onde se ve en cinco anos?
No Corgo