Ferreira de Pallares celebrará o 9 de agosto a XXI Festa Artesanal con demostracións de oficios tradicionais

LugoXa
O evento reunirá unha vintena de artesáns, postos de produtos da comarca, degustación de filloas e contará co pregón do poeta Xulio López Valcárcel
presentacion-feira-artesanía-Feira-de-Pallares-Guntín-26
3 Aug 2026

A contorna do Mosteiro de Ferreira de Pallares converterase o vindeiro 9 de agosto nun escaparate da artesanía e das tradicións galegas coa celebración da XXI Festa Artesanal, organizada pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A cita, que busca poñer en valor os oficios tradicionais e o patrimonio histórico do cenobio, abrirá as súas portas ás 11.00 horas cunha feira de artesanía na que participarán arredor dunha vintena de profesionais. Ao longo da xornada, os visitantes poderán asistir a demostracións de forxa, cantería, talla e torneado de madeira, traballos con resina, pirogravado, coiro, cestería, cerámica, xoiería, artesanía en ferro e artesanía téxtil.

Ademais das exhibicións artesanais, haberá postos de venda de produtos da comarca e unha degustación de filloas para o público asistente. Un dos momentos centrais da programación chegará ás 13.30 horas coa lectura do pregón, que nesta edición correrá a cargo do poeta Xulio López Valcárcel.

A celebración continuará co tradicional xantar de confraternidade no claustro do mosteiro. As persoas interesadas en participar poden retirar os convites ata o 8 de agosto en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada Ó Xeito e Casa Maestro de Matei.

Na presentación da iniciativa, o vicepresidente da Deputación de Lugo destacou a importancia desta xornada para divulgar o patrimonio e a cultura do territorio, ao tempo que animou á cidadanía a visitar o conxunto monástico e o seu entorno nun ambiente festivo centrado na artesanía e nos produtos locais.

Por outra banda, a área de Cultura da Vicepresidencia tamén colabora coa convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, impulsado pola mesma asociación para promover estudos relacionados coa lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore do antigo Condado de Pallares. Os traballos, que deberán ser orixinais, inéditos e escritos en galego, poderán presentarse ata o próximo 30 de setembro.

0.12414002418518