Finalizan as obras de mellora do firme na estrada LU-530 entre Castroverde, Baleira e A Fonsagrada

LugoXa
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a actuación executouse en dous treitos da estrada, o que une as travesías de Castroverde e O Cádavo e o que transcorre entre A Lastra e A Fonsagrada
Estrada-O-Cádavo
8 Out 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a piques de finalizar a obra de mellora do firme en 28 quilómetros da estrada autonómica LU-530, ao seu paso polos concellos de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada. O proxecto, adxudicado en xuño, contou cun investimento de 1,2 millóns de euros. As obras abrangueron dous tramos principais: 8,78 quilómetros entre as travesías de Castroverde e O Cádavo (Baleira) e outros 19,34 quilómetros entre A Lastra (Baleira) e A Fonsagrada.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou a travesía do Cádavo, onde os traballos están a piques de rematar e finalizarán previsiblemente esta semana. Posteriormente, procederán ao repintado da sinalización horizontal nas zonas melloradas. A intervención consistiu na rehabilitación da calzada nos puntos máis deteriorados, cun fresado localizado e a reposición do firme con mestura bituminosa a carril completo. Arias recordou que en 2019 xa se acondicionara a travesía de Castroverde, e con esta nova actuación mellóranse tanto as condicións da estrada como a seguridade dos seus usuarios.

Ademais, o delegado territorial explicou que esta obra forma parte dun contrato máis amplo, cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, destinado a mellorar tres estradas autonómicas na provincia de Lugo. Xunto á LU-530, tamén inclúe tramos da LU-122 na Pastoriza e Riotorto, e da LU-113 en Castro de Rei e Cospeito.

0.12125682830811