Fontiñas e San Roque centran as propostas socialistas para mellorar a mobilidade e ampliar os equipamentos públicos

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un encontro con representantes do tecido asociativo e con veciños e veciñas dos barrios de Fontiñas e San Roque co obxectivo de analizar as necesidades actuais e futuras desta área da cidade. Durante a reunión, expuxo a súa folla de ruta para afrontar os principais problemas relacionados coa mobilidade e coa dotación de equipamentos públicos que afectan a esta contorna.
Durante a visita, Fernández sinalou que a finalización da Avenida Vilaverde representa a actuación de maior relevancia estratéxica para mellorar a mobilidade na zona leste de Lugo. Segundo explicou, esta infraestrutura permitiría unha distribución máis eficiente do tráfico e reduciría a elevada carga circulatoria que soporta actualmente a Avenida de Fontiñas.
"O desenvolvemento da Avenida Vilaverde non significa unicamente abrir unha nova vía. Trátase de ordenar urbanisticamente toda esta parte da cidade, ofrecer unha alternativa real aos desprazamentos actuais e preparar Fontiñas para o Lugo das próximas décadas", afirmou o portavoz socialista.
Segundo detallou, a execución deste vial permitiría desviar unha parte importante do tráfico que actualmente se concentra na Avenida de Fontiñas, mellorar os itinerarios de desprazamento interno e crear arredor de 300 novas prazas de estacionamento, unha das demandas que, segundo indicou, máis trasladan os veciños e veciñas da zona.
Fernández destacou ademais que esta actuación transcende a cuestión da mobilidade. Explicou que a conexión definitiva da Avenida Vilaverde facilitaría completar a estrutura urbana desta área da cidade, impulsar a creación de novas mazás mediante a conexión entre ambas avenidas a través de rúas transversais nos carrís actualmente pechados e favorecer unha comunicación peonil máis cómoda e segura entre Fontiñas, San Roque e a zona alta da cidade.
O líder socialista lembrou que esta proposta xa fora presentada hai un ano á Xunta de Galicia como unha actuación prioritaria para Lugo. Segundo indicou, a resposta recibida foi a ausencia de avances por parte das administracións implicadas.
"Por desgraza atopamos a mesma resposta de sempre: silencio e inacción. Nin o Goberno de Alfonso Rueda daquela nin o Executivo local de Candia agora moveron un só papel para facer realidade un proxecto fundamental para esta zona da cidade", afirmou.
Así mesmo, engadiu que, se o actual Goberno municipal continúa sen impulsar esta actuación, o proxecto pasará a formar parte das prioridades socialistas nun hipotético regreso á Alcaldía. "Lugo non pode seguir perdendo oportunidades pola falta de ambición e de planificación do actual Goberno municipal", asegurou.
Durante o encontro coa veciñanza tamén se abordou a necesidade de reforzar os servizos públicos e os espazos destinados á participación cidadá. Neste sentido, Miguel Fernández avanzou a súa intención de impulsar un novo centro sociocultural para a zona sur da cidade, co obxectivo de prestar servizo aos barrios de Fontiñas, San Roque e Augas Férreas.
"O importante crecemento residencial desta contorna, especialmente en Montirón, debe ir acompañado da creación de equipamentos municipais que fomenten o desenvolvemento cultural e educativo e que tamén funcionen como punto de encontro social. Con esta proposta buscamos dar cobertura a miles de veciños e veciñas mediante un espazo de referencia para actividades culturais, sociais e asociativas. Iso tamén forma parte da calidade de vida e da cidade que queremos construír", explicou.
Fernández sinalou que este tipo de encontros permiten coñecer directamente as preocupacións da cidadanía e deseñar proxectos adaptados ás necesidades reais dos barrios. "Nós seguimos facendo o que sempre fixemos: escoitar, planificar e propoñer solucións. Outros dedícanse á propaganda; nós seguimos traballando para construír o Lugo do futuro", afirmou.
Finalmente, o portavoz socialista comprometeuse a manter un contacto permanente co tecido asociativo da zona para facer seguimento destas actuacións e incorporar novas demandas veciñais á folla de ruta do Grupo Municipal Socialista. "As grandes transformacións non nacen nos despachos; nacen do diálogo coa veciñanza. Ese seguirá sendo o noso modelo de cidade", concluíu.