Foz informa que vanse demoler os nove chalets da Areoura

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
25 Nov 2019

O Concello de Foz quere mostrar a súa alegría e felicítase da resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que desestimou definitivamente o recurso de reposición interposto no mes de febreiro de 2017 polos propietarios dos nove chalés da Areoura. Finalmente, neste mes de novembro de 2019, a APLU resolve negativamente o recurso potestativo de reposición, ordenando que se proceda á demolición á costa dos propietarios dos nove chalés da Areoura, como xa indicara en decembro de 2016.

Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto, quen explica que “nunha das praias máis emblemáticas do concello de Foz, no areal máis concorrido de Cangas, levamos máis de 40 anos sufrindo o feísmo dunhas estruturas en ruína polo paso do tempo e que constitúen un auténtico perigo para calquera persoa que se achegue a esa zona da costa. É unha mágoa que os veciños levemos tanto tempo agardando, pero empezamos a ver a luz ao final do túnel”.

Fran Cajoto engade que “é unha zona especial, que debe ser para desfrute de todos, como indica a Lei de Costas. Ao respecto quero destacar que a intención do equipo de goberno é dispoñer na zona que actualmente ocupan os chalés e a súa urbanización unha área recreativa cun amplo aparcadoiro, para poñer en valor a Areoura e o seu entorno como un referente na parroquia de Cangas e para todo Foz”.

Cabe aínda posibilidade de recurso perante o xulgado –indican desde o Concello de Foz- pero a resolución definitiva por parte dos técnicos e as conversas establecidas desde a Alcaldía, fannos ser optimistas e agardamos que os prazos non se dilaten máis no tempo.

0.1773509979248