Foz puxo en marcha un programa adicado ao comercio local na emisora de radio municipal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
20 Jan 2020

O Concello de Foz acaba de poñer en marcha un programa dedicado ao comercio local na emisora de radio municipal. Será quincenal e comezou o pasado xoves. No primeiro espazo participaron o concelleiro de Turismo, Comercio e Actividades Económicas, José María Linares; o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, José Carlos Paleo; o xerente da cafetería Xoyma, Fernando López, e a propietaria de Electrofoz, María Río.

O programa, dunha hora de duración, chámase A hora do comercio local en Radio Foz e José María Linares explica que “tendas de roupa, zapatos, téxtil, lencería, outros comercios de todo tipo, asesorías, compañías de seguros e hostalería en xeral poden pasar por Radio Foz e falar do seu negocio, dos seus inicios, da situación actual, das perspectivas de futuro ou indicar produtos e ofertas do negocio. Trátase dun guiño ós pequenos e medianos autónomos nuns momentos moi difíciles pola competencia on line e o gran comercio das cidades”.

No programa comentouse que “en catro anos perdéronse cerca de 4.000 comercios e pequenos autónomos en Galicia. Aínda que na provincia de Lugo foi menor a porcentaxes de peches, comparado con Ourense ou Coruña, os datos non son nada favorables. Estamos falando dun descenso maior ao 6 por cento. Ao reto dixital hai que unir que a moitos comercios están rexidos por persoas maiores de 57 anos, o que significa unha xubilación inminente, e hai falta de relevo xeracional en moitos casos, polo que calquera iniciativa de cara a potenciar, fomentar e axudar o comercio local sempre é benvida”.

Xoyma está a piques de cumprir 33 anos aberto e Electrofoz fixo o seu 25 aniversario en 2019. Os responsables destes dous establecementos falaron das súas experiencias, das súas ganas de continuar á fronte dos seus negocios e das dificultades do comercio actual. Destacaron que a atención e o bo trato son fundamentais hoxe en día para enfrontarse ao comercio dixital e reclamaron o apoio das administracións, entre elas a local. E tamén sinalaron que o cliente agora está máis preparado e sabe mellor o que quere, polo que os xerentes dos establecementos teñen que estar en continua preparación e formación.

O goberno local focense agradece á ACIA e ao seu presidente, José Carlos Paleo, a súa colaboración, así como aos propios comerciantes, ós que animan a acudir a este programa de radio. “É un pequeno cariño para o comercio, ao que o goberno actual xa manifestou que se pon á súa disposición”, manifestou o concelleiro de Comercio.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21849417686462