Foz procedeu á desinfección completa de urxencia da residencia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
6 Apr 2020

O Concello de Foz estivo realizando unha desinfección completa de urxencia no interior das instalacións da residencia e centro de día para maiores focense. Este traballo foi encargado a unha empresa homologada para este labor.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o obxectivo é eliminar calquera posible foco de infección que ficara na residencia despois dos casos positivos detectados, de forma que os protocolos de prevención do COVID-19 sexan o máis efectivos posibles”.

O rexedor municipal engade que o Concello de Foz “determinou tomar a iniciativa por unha tripla cuestión pola responsabilidade e porque a prevención sanitaria é a nosa máxima prioridade nestes momentos.

Tamén porque así o establece a Orde SND/265/2020 do Ministerio de Sanidade, no que se reflicte no punto sétimo, que debe ser a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a que debe ditar as resolucións, disposicións e instrucións respecto a esta crise nas residencias de maiores.

Ademais ante a falta de resposta da Xunta de Galicia, que está a facer desinfeccións parciais unicamente no exterior dos edificios que o propio Concello ven realizando diariamente desde hai máis de 15 días, vémonos na obriga de tomar a iniciativa e proceder á desinfección cos nosos propios recursos”

Para rematar Fran Cajoto destaca que “os traballos realízanse cunha empresa homologada como entidade autorizada para servizos biocidas, de forma que un certificado garantirá a correcta desinfección do centro”.

0.12849593162537