Foz proporá que a travesía de piragüismo sexa declarada de interese turístico
A posta en valor do medio natural, a promoción de hábitos saudábeis , a promoción dun deporte con forte arraigo na mariña de Lugo, todos son obxectivos irrenunciables de calquera administración, e tamén do Concello de Foz. Estas apostas poden ser acadadas coa celebración dunha proba que é xa referente no calendario da Federación Galega de Piragüismo e que xunta no entorno de 400 padexeiros anualmente durante o veran focego, apuntalando unha oferta deportiva e turística, que enche o Concello de visitantes. A Travesía vense celebrando ininterrupidamente dende o ano 1962 e este 25 de agosto foi a súa LVII edición.
Como lembra o cronista oficial de Foz, Suso Fernández que colaborou na sua posta en marcha, 'foi o daquela alcalde de Foz Pepe Beltrán, querendo sacar partida ás augas da ría, quen pensou na posibilidade de logralo co piragüismo que podería axeitarse mellor ás condicións naturais da mesma, e con ese fin organizar unha travesía anual'.
Trátase da segunda proba de piragüismoo máis antiga de Galicia e a terceira máis antiga do Estado, tralo descenso do Sella e o descenso do Miño. O Clube Kayak de Foz, que a organiza cun esforzo e resultados a eloxiar, aporta coa súa actividade unha alternativa de deporte saudable e en contacto coa natureza para a xuventude da vila.
Nos últimos anos, a agrupación tratou de relanzar esta actividade entre a xuventude, posto que é unha maneira máis de disfrutar do mar e a ría, aproveitando así a situación do concello, moi propicia para desenvolver este deporte. Xa foron varios os padexeiros destacados en torneos nacionais e internacionais que a carón de actividades vinculadas a Ría de Foz e a súa travesia, permite levar o Concello de Foz moito mais alá de Galicia.
A proba acada pois, méritos abondos para ser declarada de interese turístico de Galicia xa que para este obxectivo valoranse positivamente as manifestacións de exaltación de tradicións, cultura, gastronomía, etnografía e os eventos deportivos, xa que son unha demostración da acollida, amabilidade e hospitalidade pola que Galicia é recoñecida no mundo.
O Concello de Foz a traves da Concellaría de Deporte e Xuventude, ven de iniciar os trámites para poñer aínda máis en valor unha festa do deporte e de exaltación do medio natural do concello.