Francis Alonso continuará no CB Breogán unha tempada máis

O CB Breogán confirmou a renovación de Francis Alonso por unha tempada máis, polo que o xogador malagueño continuará defendendo a camisola do Río Breogán na Liga Endesa durante o curso 2026/2027.
O club lucense e o xogador chegaron a un acordo para prolongar a súa vinculación despois dunha campaña na que o escolta se consolidou como unha das referencias ofensivas do equipo e da competición. O seu regreso á máxima categoría do baloncesto español da man do conxunto celeste estivo marcado pola excelente adaptación ao estilo de xogo de Luis Casimiro, converténdose nun dos grandes anotadores da Liga Endesa.
Aos seus 29 anos, o xogador andaluz de 1,91 metros, internacional con España nas últimas fiestras FIBA, está a asinar unha tempada de alto nivel. Francis Alonso promedia 14 puntos por encontro cun destacado 40,2 % de acerto desde a liña de tres puntos, un 51,2 % en tiros de dous e un 90 % desde o tiro libre, rexistros que o sitúan como o segundo mellor anotador nacional da competición.
Ademais da súa capacidade anotadora, o xogador tamén achegou 2 rebotes e 1,4 asistencias por partido nos 32 encontros disputados ata o momento.
A brillante tempada do escolta vestido de celeste foi determinante para que o Río Breogán acadase os seus obxectivos deportivos e permitiulle gañarse o cariño da bancada breoganista, converténdose nun dos xogadores máis queridos pola afección do Pazo.