Friol acollerá este sábado a VIII edición do Mercado Segunda Vida no parque Rosalía de Castro

LugoXa | TerraChaXa
A programación completarase ás 20.00 horas coa proxección, no mesmo parque, do primeiro episodio da serie 'Hope! Estamos a tempo', centrada na crise climática
mercado-segunda-vida-friol
20 Aug 2026

O parque Rosalía de Castro de Friol acollerá este sábado, 22 de agosto, a VIII edición do Mercado Segunda Vida, unha iniciativa que busca fomentar a reutilización e dar unha segunda oportunidade a obxectos que aínda poden ser útiles para outras persoas.

O mercado desenvolverase entre as 11.00 e as 19.00 horas e permitirá poñer á venda ou intercambiar diferentes tipos de artigos, entre eles libros, películas, discos, roupa, zapatos, bolsos, accesorios, xoguetes, utensilios de cociña, material de oficina e costura, mobles, cadros, lámpadas ou instrumentos.

As persoas interesadas tamén poderán achegar previamente os obxectos que queiran ofrecer no Centro Colaborativo de Friol, que os recollerá de 9.00 a 14.00 horas. A organización lembra que os artigos deberán estar en bo estado, limpos, non estar rotos e funcionar correctamente.

A programación completarase ás 20.00 horas coa proxección, no mesmo parque, do primeiro episodio da serie Hope! Estamos a tempo, centrada na crise climática e nas posibilidades de transformación cara a un futuro máis sostible. A continuación, haberá un coloquio e pinchos e en caso de choiva, trasladarase ao Centro Colaborativo.

A actividade está promovida por Reanima o Medio Ambiente-Friol (Reama), co obxectivo de reducir o desperdicio e favorecer que os obxectos que xa non utilizan unhas persoas poidan ter unha nova vida.

0.12390685081482