Friol acollerá un taller sobre nutrición e exercicio na idade adulta para promover hábitos saudables

O Centro de Saúde de Friol organizará este mércores, 27 de maio, un taller centrado na nutrición e o exercicio físico na idade adulta, unha iniciativa orientada a promover hábitos de vida saudables e mellorar a autonomía, a forza e o benestar da poboación adulta.
A actividade desenvolverase ás 13:30 horas nas instalacións do propio centro sanitario e será impartida polo persoal do Centro de Saúde, que ofrecerá unha sesión práctica e participativa, na que as persoas asistentes poderán adquirir coñecementos sobre alimentación equilibrada e aprender pautas para manter unha actividade física segura nesta etapa da vida.
Baixo a mensaxe de que unha alimentación axeitada e o exercicio físico son elementos clave para conservar a saúde e a calidade de vida, o taller pretende achegar recomendacións útiles e ferramentas prácticas para incorporar ao día a día.
A organización habilitou un total de 15 prazas para participar nesta actividade. As inscricións e solicitudes de información poden realizarse directamente no mostrador do Centro de Saúde de Friol ou a través do teléfono 982 371 005.
A iniciativa está impulsada no marco da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e busca fomentar o coidado da saúde desde a prevención e a adquisición de hábitos saudables.