Friol celebra este sábado a xornada de presentación das terceiras Olimpíadas Rurais de Galicia

O Concello de Friol acollerá o sábado, 16 de maio, a presentación oficial das III Olimpíadas Rurais de Galicia, un evento que busca promover o deporte, a tradición e a convivencia no medio rural galego.
O acto celebrarase ás 12.00 horas na Praza Andón Cebreiro e contará coa participación de representantes institucionais e membros da organización do evento. A benvida correrá a cargo do alcalde de Friol, José A. Santos, quen abrirá unha xornada centrada na promoción desta iniciativa deportiva e cultural.
Durante a presentación daranse a coñecer os detalles da programación das III Olimpíadas Rurais de Galicia, nunha intervención que será conducida por Thor López Arias, representante do Colectivo Deportivo Hércules, entidade colaboradora na organización da actividade.
O programa incluirá tamén a proxección do vídeo promocional do evento, co obxectivo de achegar ao público o espírito das olimpíadas e as diferentes probas e actividades previstas.
A clausura do acto estará presidida polo delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias. A continuación ofrecerase unha degustación de viño galego para todas as persoas asistentes.
As Olimpíadas Rurais de Galicia consolídanse como unha proposta que combina deporte, identidade rural e participación veciñal, converténdose nun escaparate das tradicións e da vida no rural galego.