Friol celebrará o primeiro aniversario do regreso da feira ao centro cun sorteo de produtos

LugoXa | TerraChaXa
Participarán todas as persoas que fagan compras nos diferentes negocios, comercios e hostalería do pobo durante os días da feira do primeiro domingo de mes
feira-domingo-friol
28 Nov 2024

Para celebrar o primeiro aniversario da volta da Feira ao pobo, que será no próximo mes de abril, o Concello de Friol quere facer algo especial, e opta por un sorteo dun lote de produtos do municipio, recoñecendo e agradecendo a todas as persoas que forman parte da propia feira, tanto aos diferentes postos que montan, como tamén a todos os negocios da capitalidade e a todos os veciños de Friol pola gran acollida que tivo desde o primeiro domingo do pasado mes abril.

Cada establecemento de Friol, tanto comercios como bares e restaurantes, terá á súa disposición uns talonarios con rifas, que irán entregando a cada persoa que faga unha compra no seu negocio. Estas rifas repartiranse durante os días de Feira, que é o primeiro domingo de cada mes.

Calquera persoa pode optar a unha rifa, sempre e cando se achegue a Friol nas feiras de decembro, xaneiro, febreiro e marzo, e faga algunha compra en calquera dos establecementos do pobo. Con esa compra entregaranlle unha papeleta coa que poderá entrar no sorteo mencionado.

A persoa ganadora do citado lote será a que posúa a rifa co número que coincida coas últimas catro cifras do Sorteo da Lotería Nacional do sábado 5 de abril de 2025, tendo que depositala no Concello os días seguintes o sorteo para a comprobación e entrega do lote mencionado.

Dende o Equipo de Goberno do Concello queren agradecer, con este pequeno xesto, a todas as persoas que fixeron posible que a súa Feira mensual fose todo un éxito, dende a primeira que se celebrou no mes de abril do presente ano. Fixeron un cambio importante volvendo a Feira de Friol ao centro do pobo, o cal trouxo moi bos resultados nestes primeiros meses, e esperan que se sigan mantendo estes bos números de afluencia e de ventas e que incluso se vexan incrementados de cara á próxima primavera.

José Á. Santos, alcalde de Friol, manifesta que “estamos satisfeitos e contentos da boa acollida que tivo este cambio e do impacto que xerou ao seu arredor, da cantidade de xente que se achega a Friol cada primeiro domingo de mes, e sobre todo do impulso que entre todos conseguimos reactivala, en definitiva estamos orgullosos da vida que se ve no pobo cada día de feira”.

0.17461681365967